A nova oficina de emprego de Lugo comezará a funcionar nas próximas semanas no barrio da Residencia tras un investimento de 2,3 M€

Rueda destaca o esforzo da Xunta por reforzar e modernizar o Servizo Público de Emprego de Galicia, con novas instalacións, máis persoal e co uso da intelixencia artificial

Pon en valor o compromiso do Goberno galego co Barrio da Residencia, con infraestruturas como esta oficina, o novo CIS ou a futura residencia da terceira idade da Fundación Amancio Ortega

Lugo, 6 de outubro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, inaugurou hoxe a nova oficina de emprego de Lugo, situada no Barrio da Residencia, e que comezará a funcionar nas próximas semanas tras un investimento de 2,3 millóns de euros. “Había dúas opcións: deixar morrer un edificio que xa non prestaba a utilidade fundamental ou darlle unha segunda vida e procurar que fora un edificio cómodo, bonito e funcional e creo que se conseguiu”, manifestou.

No acto, no que estivo acompañado pola conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, destacou a colaboración administrativa para que este novo edificio, de cinco andares, sexa unha realidade e facilite a vida dos cidadáns ao unificar os servizos estatais cos servizos autonómicos. “Creo que é o que a xente pide porque necesita algo relacionado coa empregabilidade e agradece moitísimo que se faga de xeito conxunto, coordinado e nun mesmo lugar”, indicou. Nestas dependencias unificaranse os servizos que ata agora se prestaban nas oficinas norte e sur, de xeito que atenderá a máis de 8.000 demandantes de emprego.

“Dende logo a solución non está só aquí, tamén hai que aprenden a conxugar a oferta formativa, toda esa revolución silenciosa da FP que iniciamos hai anos en Galicia e que agora estamos acelerando ou a propia concienciación da sociedade sobre os novos horizontes profesionais, pero despois aquí tamén é moi importante orientar á xente, tanto na prestación de axudas como na busca dun traballo e da mellor maneira posible”, asegurou.

Aposta pola actualización

O titular do Executivo galego encadrou esta nova oficina na aposta decidida que o Goberno galego está facendo por reforzar e modernizar o Servizo Público de Emprego de Galicia. Ao respecto, fixo referencia á incorporación de orientadores laborais en toda Galicia -136 en toda Galicia dos que 16 o farán na provincia de Lugo e 6 na cidade-; ou a progresiva implantación dunha ferramenta de intelixencia artificial nas oficinas de emprego para casar oferta e demanda e facilitar así a cobertura das vacantes.

Xa por último, Rueda destacou que a posta en marcha desta oficina inscríbese na aposta do Goberno galego pola cidade de Lugo e, máis en concreto, polo proxecto para “dar unha nova vida” ao Barrio da Residencia, a través de infraestruturas como o novo CIS -que comezará a funcionar en outubro-, esta nova oficina de emprego ou a futura residencia da terceira idade da Fundación Amancio Ortega. En total, o investimento da Xunta en todas estas infraestruturas supera os 30 M€.

Unha “arquitectura con gusto” tal e como apuntou que responde á responsabilidade de ofrecer as ferramentas e os medios necesarios no día a día, e facer que continúe a actividade na zona.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/10/2023