O conselleiro do Medio Rural participou en Ourense na inauguración do XXVIII Congreso Nacional e XIX Congreso Iberoamericano de Historia da Veterinaria

A Xunta destaca que a rendibilidade da gandaría de leite a partir de prezos e beneficios estables é o fundamento da súa sustentabilidade e o garante do relevo xeneracional

José González sinalou que “non hai industria sen leite” e que as explotacións teñen que ser rendibles para funcionar

Rexeitou que os prezos do leite estean “lastrando” a competitividade da industria e lembrou que os gandeiros tamén son empresarios

Lamentou a insensibilidade do Goberno central en funcións e insistiu na necesidade de que aplique a rebaixa do IVE para a carne e tamén para o peixe, porque -sinalou- cómpre que todos os alimentos de primeira necesidade xoguen coas mesmas regras no mercado

Cualificou a sanidade animal como un piar básico tanto para a produción gandeira como para a saúde pública e subliñou que neste ámbito a veterinaria desempeña un papel fundamental

Lembrou que a Xunta está desenvolvendo actualmente ata 16 programas sanitarios, cun investimento de máis de 50 millóns de euros e que están a dar resultados na erradicación de doenzas como a tuberculose ou a brucelose
 

Ourense, 6 de outubro de 2023

“Non hai industria sen leite”. Así o sinalou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, na inauguración do XXVIII Congreso Nacional e XIX Congreso Iberoamericano de Historia da Veterinaria, que se celebra en Ourense. Deste xeito, o conselleiro quixo facer fincapé na importancia da rendibilidade na gandaría de leite, como fundamento para a sustentabilidade de todo o sector.

Neste sentido, José González amosouse sorprendido polas recentes declaracións do presidente da Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) nas que advertía que os elevados prezos do leite en España (e, xa que logo, tamén en Galicia) están “lastrando” a competitividade da industria. Porén, o conselleiro lembrou o feito evidente de que “para que haxa leite ten que haber gandeiros” e teñen que funcionar as explotacións. Un funcionamento que -engadiu- depende única e exclusivamente da rendibilidade dunha actividade na que os gandeiros son, de facto, empresarios.

Marxe de beneficio

Na mesma liña, González reiterou o seu convencemento de que o prezo do leite ten que permitir cubrir os custos de produción e contar cunha marxe de beneficio para o gandeiro, como calquera empresario. Isto, indicou, debe levar a unha senda de estabilidade porque “só mantendo a estabilidade de prezos e de beneficios existirá remuda xeracional”, remarcou.

O conselleiro afirmou que “tanto industria como distribución teñen que entender este feito” igual que -trasladou- o entenden os veterinarios, que favorecen o proceso produtivo deste e doutros moitos sectores gandeiros de Galicia e de España. Precisamente, en relación co labor que desenvolve o colectivo veterinario, José González quixo recoñecer explicitamente ese traballo, que definiu como “necesario e imprescindible”.

En parecidos termos, o conselleiro fixo fincapé na importancia da rendibilidade para garantir o progreso da actividade primaria, algo para o que -salientou- cómpre “xogar coas mesmas regras”. Por iso, en relación coas gandarías de carne, incidiu na demanda ao Goberno central en funcións para que aplique a rebaixa do IVE para a carne e tamén para o peixe. Son, sinalou, alimentos de primeira necesidade que se están vendo prexudicados pola insensibilidade do Executivo, polo que lamentou profundamente as declaracións desta semana do ministro Planas negando a posibilidade de rebaixar este imposto en ambos casos.

Papel “fundamental” da veterinaria

Neste contexto, o titular de Medio Rural cualificou a sanidade animal como un pilar básico tanto para a produción gandeira como para a saúde pública e subliñou que neste ámbito a veterinaria desempeña un papel fundamental. Así, puxo en valor ese rol dos veterinarios na execución de programas sanitarios e tamén por medio do asesoramento e o incentivo á participación na mellora do status sanitario das explotacións por parte dos seus titulares.

De igual maneira, o conselleiro valorou que ese excelente nivel sanitario do conxunto do gando galego outorga unha posición de vantaxe competitiva na comercialización dos produtos agrogandeiros da nosa comunidade, sendo tamén un factor diferenciador. Vinculou ademais todo iso coa calidade que distingue o rural galego. Calidade -dixo- en saúde, en atención e en filosofía profesional que repercute en toda a calidade do sector primario.

Tamén en relación co labor dos veterinarios, José González lembrou, así mesmo, que a Xunta está desenvolvendo actualmente ata 16 programas sanitarios, cun investimento de máis de 50 millóns de euros e que están a dar resultados, como é o caso do programa de erradicación de tuberculose bovina, enfermidade da que Galicia é rexión libre dende 2021. A maiores, engadiu, o territorio galego é tamén libre, dende 2013, da brucelose ovina e cabrúa e dende 2017 da bovina.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/10/2023