A Consellería de Sanidade reúne a especialistas en saúde pública de 12 países para poñer en común ferramentas contra a obesidade infantil

Durante dúas xornadas, expertos chegados de Grecia, Bélxica, Croacia, Finlandia, Hungría, Italia, Lituania, Malta, Polonia, Portugal, Eslovenia e outras comunidades autónomas, compartiron experiencias sobre a aplicación do Proxecto “Health4EUkids” que promove os hábitos de vida saudables entre a rapazada

No caso de Galicia, a Dirección Xeral de Saúde Pública escolleu o Concello de Ponteareas para participar nunha iniciativa comunitaria que fomentará a actividade física, a alimentación sa e a equidade en saúde, entre os nenos e nenas con idades comprendidas entre os 6 e os 13 anos

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2023 A Consellería de Sanidade acolleu durante dúas xornadas a xuntanza de especialistas en Saúde Pública, chegados de 12 países da Unión Europea, co obxectivo de compartir experiencias sobre a aplicación do Proxecto “Health4EUkids”, unha iniciativa comunitaria que promove os hábitos de vida saudables entre a rapazada.

No caso de Galicia, a Xunta promoverá os hábitos de vida saudables e a redución da obesidade infantil entre a rapazada do Concello de Ponteareas. Así, durante os vindeiros dous anos, a Dirección Xeral de Saúde liderará o desenvolvemento de accións dirixidas á poboación deste municipio -con idades comprendidas entre os 6 e os 13 anos-, apostando pola promoción da actividade física, a alimentación sa e a equidade en saúde.

O programa “Health4EUkids” ten como obxectivo implantar boas prácticas a partir dos bos resultados obtidos nas intervencións realizadas noutros países. Así, o éxito da súa pilotaxe, levada a cabo en 2018 no barrio da Grünau de Leipzig (Alemaña), derivou no interese doutros países da Unión Europea (Grecia, Bélxica, Croacia, Finlandia, Hungría, Italia, Lituania, Malta, Polonia, Portugal, Eslovenia e España).

Na xornada de hoxe, representantes da Dirección Xeral de Saúde Pública, mantiveron unha xuntanza co grupo de traballo europeo “Grünau moves”. Así, a subdirectora xeral de Programas de fomento de estilos de vida saudables, Silvia Suárez Luque; e a xefa servizo de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables, Carolina Muñoz Iglesias; abordaron xunto cos representantes das entidades europeas que colaboran no proxecto como está a ser a experiencia de aplicalo nos seus territorios.

Mediante a posta en marcha deste proxecto, Sanidade creará unha rede de saúde con accións establecidas para promover os hábitos de vida saudables entre os nenos e nenas, as súas familias e, indirectamente, co resto da comunidade. A finalidade destas accións é acadar contornos máis saudables, levando a cabo un traballo participativo, intersectorial e con perspectiva de equidade na comunidade.

Para a súa execución, representantes do Goberno local de Ponteareas e da Consellería de Sanidade, reuníronse o pasado 19 de setembro para establecer un grupo de traballo multidisciplinar cos representantes dos diferentes estamentos relacionados coa promoción da saúde no concello.

Plan de Obesidade Zero

A incidencia do sobrepeso e a obesidade na poboación mundial triplicouse nos últimos cincuenta anos, sendo considerado xa un problema grave de saúde pública, ao incrementar os factores de risco na aparición de enfermidades crónicas como a diabetes ou algúns tipos de cancro, como o colorrectal.

Para combater a súa aparición entre a poboación galega, a Xunta de Galicia puxo en marcha no ano 2022 o Plan Obesidade Zero. Unha folla de ruta que se estrutura en tres eixos estratéxicos, e que conta con 11 obxectivos e 41 accións.

O primeiro dos eixos céntrase en potenciar as contornas promotoras de saúde, identificando cinco delas sobre as que actuar, a política, a escolar, a laboral, a comunitaria, e a sanitaria e sociosanitaria. O segundo dos eixos baséase na capacitación para a toma de decisións máis saudables, e o terceiro incide na investigación e innovación en promoción da saúde.

En Galicia, máis da metade da poboación ten exceso de peso. Segundo a Enquisa europea de saúde realizada no ano 2020, o 39 % da poboación galega ten sobrepeso e o 16,5 % presenta obesidade, o que supoñen un total de 357.000 galegos e galegas. Ademais, en canto aos hábitos de vida saudables, o 41,3 % da poboación adulta é sedentaria; soamente o 38,4 % da poboación realiza exercicio físico no tempo de lecer; apenas 3 de cada 10 persoas consume verduras, ensaladas e hortalizas a diario e este mesmo número, 3 de cada 10 persoas, consume doces a diario.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/10/2023