A Xunta apoia con preto de 85.000 € a mellora das instalacións deportivas de cinco clubs de Ferrrolterra

A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, informou sobre a resolución destas axudas da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes durante unha visita ao Club de Tenis Redes de Ares que recibiu unha achega de 25.000 euros para a reordenación dunha das tres pistas coas que conta para a construción doutras dúas

Tamén resultaron beneficiarios desta convocatoria o Club Náutico Firrete de Pontedeume; o Club de Tenis de Mesa Cidade de Narón, o Club Deportivo Rosalía de Vilaboa (Valdoviño) e a Agrupación Deportiva Judo Ferrolterra

Ares (A Coruña), 6 de outubro de 2023 A Xunta de Galicia destina 84.790 euros á cinco clubs da comarca de Ferrolterra para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora das súas instalacións deportivas. A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, informou esta mañá da resolución desta convocatoria de axudas da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes durante unha visita ao Club de Tenis Redes.

Acompañada do presidente da entidade, Óscar Bermúdez, Aneiros coñeceu os pormenores do proxecto de construción de dúas novas pistas de tenis para o que o club recibiu unha axuda de 25.000 euros. O proxecto, valorado en máis de 113.000 euros, consistirá na reordenación dunha das tres pistas coas que contan actualmente as instalacións de forma que, sen ampliar a lonxitude actual, se constrúan outras dúas en sentido norte-sur.

Tal e como lle trasladou o presidente do club á delegada, as tres pistas actuais resultan insuficientes para o número de usuarios que ronda actualmente os 600 socios e é o segundo club de Galicia con máis licencias de tenis, con equipos competindo desde a categoría benxamín ata veteranos +65, categoría esta última na que levan colleitados numerosos títulos galegos tanto na competición feminina como masculina.

Ademais do Club de Tenis Redes resultaron beneficiarios desta convocatoria da Secretaría Xeral para o Deporte o Club Náutico Firrete de Pontedeume (15.673,31 euros) para a mellora e reparación do cerramento do edificio; o Club de Tenis de Mesa Cidade de Narón (25.000 euros) para a climatización da sala de tenis de mesa no local social; o Club Deportivo Rosalía de Vilaboa, en Valdoviño (14.227,60 euros) para o cambio de focos por LED no campo de fútbol Juan Sabín, e a Agrupación Deportiva Judo Ferrolterra (4.840 euros) para tarima, baixo tatami, espellos e pintura.

Máis investimento en instalacións deportivas

O Goberno galego destina neste 2023 preto de 22 millóns de euros para a construción e mellora de instalacións deportivas, o que representa o 50 % de todo o orzamento histórico da Secretaría Xeral para o Deporte da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que neste exercicio acada máis de 44 millóns de euros.

Dentro deste orzamento para infraestruturas destacan dúas novas ordes de instalacións deportivas, unha para concellos e outra para entidades deportivas. No pasado mes de xullo, a Xunta de Galicia repartía 6 millóns de euros entre 148 concellos a tenor da Orde para a concesión de subvencións dirixidas a concellos para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal e para a adquisición de material deportivo inventariable. Esta orde, tivo unha segunda convocatoria de 2 millóns de euros para poder cubrir as solicitudes rexeitadas por esgotamento de crédito e outras novas peticións e será resolta nos vindeiros días. Por outra banda, hai que sumar esta orde de 1,3 millóns para instalacións de entidades deportivas que vén de ser resolta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/10/2023