A delegada da Xunta de Vigo supervisa a última fase das obras da nova senda da estrada PO-551 en Moaña

Ana Ortiz realizou un percorrido polos traballos da senda, que estará finalizada en novembro e que supón un investimento de preto de 1,8 millóns de euros

Moaña (Pontevedra), 6 de outubro de 2023 A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou este venres a última fase dos traballos de construción da nova senda da estrada PO-551 en Moaña. Acompañada pola xefa territorial da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), a representante autonómica comprobou o avance das obras da senda que unirá as parroquias de Domaio e Meira cun investimento de preto de 1,8 millóns de euros.

A actuación céntrase na construción dunha nova zona peonil e ciclista, segura e accesible, pola marxe dereita da estrada, de 1,7 km de lonxitude, desde a zona da praia da Borna ata conectar coa beirarrúa da área recreativa da Cerradiña. O inicio dos traballos levouse a cabo en setembro de 2022 e están próximos a finalizar.

Nas obras que se levan a cabo tamén se tivo en conta a solicitude trasladada polo Concello, polo que a lonxitude da senda se ampliou respecto ao previsto inicialmente. Esta actuación está recollida no Plan de sendas da comarca do Morrazo, que a Xunta está a desenvolver nos distintos concellos e que prevé a construción de máis de 8 km de sendas seguras, sostibles e saudables, cun investimento autonómico superior aos 5 M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/10/2023