Desde mañá poden solicitarse as primeiras axudas da Xunta para impulsar áreas de estacionamento seguro e protexido para o transporte de mercadorías, dotadas cun orzamento de 500.000 €

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a primeira convocatoria destes incentivos á transformación de espazos que xa existen nas rutas de tránsito en áreas certificadas de estacionamento protexido para os profesionais do sector

As axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e subvencionarán 2.000 € por cada praza de aparcadoiro, ata un máximo de 120.000 € por solicitude

A convocatoria, para os exercicio 2023 e 2024, ten como obxectivo poder dispoñer de 250 prazas repartidas nas 4 provincias o vindeiro ano

A Xunta segue a avanzar no Plan Estratéxico para crear en Galicia a que será a primeira rede de aparcadoiros certificados para camións destas característica en España, co obxectivo de acadar nos vindeiros anos as 1.500 prazas

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2023 A partir de mañá sábado, día 7 de outubro, poderanse solicitar as axudas da Xunta para a creación dunha rede galega de áreas de estacionamento seguro e protexido para o transporte de mercadorías, dotadas cun orzamento de 500.000 €.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión do que son os primeiros incentivos para a creación dunha rede de aparcadoiros certificados para camións mediante a transformación das áreas de tránsito das rutas xa existentes.

O obxectivo destas axudas é dotar aos profesionais do sector de estacionamentos seguros e protexidos, cun número axeitado de prazas distribuídas polo territorio de Galicia, nas zonas próximas ás principais vías e principais corredores de tráfico pesado.

O Consello da Xunta informou onte favorablemente á convocatoria destas axudas, no marco da iniciativa do Goberno galego para o desenvolvemento de áreas de estacionamento certificadas que incrementen a seguridade nas paradas, que melloren as condicións de descanso dos condutores e que os protexan de posibles delitos contra a carga. Esta medida contribuirá a facer máis atractiva a profesión de transportista, favorecendo as condicións laborais e a imaxe do traballo e, especialmente, a incorporación da muller ao sector.

Nos seguintes enlaces ao DOG pódese ampliar a información relativa a Orde e ao extracto desta convocatoria:

A partir de maña, sábado día 7 de outubro e polo prazo dun mes, poden solicitar estas novas axudas as entidades privadas xestoras das áreas de tránsito das actuais rutas habilitadas para descansos que queiran convertelas en aparcadoiros seguros e protexidos para vehículos de transporte de mercadorías.

As axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva. Con carácter xeral, o importe da subvención por cada praza de aparcadoiro será de 2.000 euros, cun tope de 120.000 euros por solicitude.

Mediante esta primeira convocatoria, que abrangue o presente exercicio e o vindeiro ano 2024, a Xunta ten como obxectivo dispor de 250 prazas repartidas nas catro provincias o vindeiro ano.

Bases da convocatoria

Para acceder a estes convocatoria, as áreas de estacionamento para camións deberán estar situadas na comunidade autónoma e obter, antes do 29 de novembro deste ano, a certificación europea de nivel de calidade -mínimo nivel prata, podendo alcanzar o ouro ou o platino- no relativo ao nivel de servizo e a seguridade das zonas de estacionamento, así como os procedementos para a súa certificación, segundo o Regulamento Delegado (UE) 2022/1012 da Comisión.

Entre as características que deberán cumprir as instalacións necesarias para garantir a seguridade dos vehículos está a disposición dun peche perimetral ou barreira física de, polo menos, 1,80 metros de altura. Entre a barreira ou peche e a zona de estacionamento haberá unha zona libre de 1 metro.

Ademais, cada unha das prazas de aparcadoiro deberá ter unhas dimensións mínimas de 3,30 metros de ancho por 16,50 metros de longo.

Nestas áreas deberá reservarse unha porcentaxe mínima de prazas de aparcadoiro de rotación do 20 %. Para os efectos da subvención, entenderanse por prazas de rotación aquelas que non están suxeitas a contratos de duración superior á diaria.

 

Nesta convocatoria establécese a limitación de prezos, fixándose a tarifa máxima por hora e por día, en 1,50 € e 12,00 €, respectivamente. Estes prezos poderanse actualizar cada ano conforme ao IPC vixente. Así mesmo, non existirá impedimento para que se compensen polo uso doutras instalacións do complexo, como gasolineira, cafetería, restaurante ou hotel.

A Xunta segue a avanzar no impulso Plan Estratéxico para crear en Galicia a que será a primeira rede de aparcadoiros certificados para camións destas característica en España, co obxectivo de acadar nos vindeiros anos as 1.500 prazas.

Data de actualización: 06/10/2023