Lorenzana cualifica o Cintecx como indispensable para dotar a industria galega de solucións tecnolóxicas fronte os retos actuais

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe as instalacións do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo

Destaca que se trata dun centro de transferencia de coñecemento ao tecido produtivo ao que hai que recoñecerlle a súa estratexia de aproximación a sectores que son clave na economía galega

Pono como exemplo dos resultados que achega a colaboración público-privada e a transferencia de coñecemento, que a Xunta trata de fomentar entre o tecido produtivo galego
 

Vigo, 6 de outubro de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe as instalacións do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo (Cintecx) que considerou un socio colaborador indispensable para que a industria galega se poida dotar de solucións tecnolóxicas fronte aos retos actuais.

Lorenzana destacou que se trata dun centro de investigación de transferencia de coñecemento ao tecido produtivo ao que hai que recoñecerlle, dixo, a súa estratexia de aproximación a sectores que son clave na economía galega como a automoción, o naval, o agroalimentario, o aeronáutico ou a pedra natural.

Nesta liña, apuntou que, cun cadro de persoal do que forman parte 175 investigadores, desenvolve proxectos en áreas como as enerxías renovables, a eficiencia enerxética, o aproveitamento dos recursos naturais, a valorización de residuos industriais, as técnicas de fabricación avanzada, o transporte, a enxeñaría biomédica ou a intelixencia artificial.

Lorenzana puxo o Cintecx como exemplo dos resultados que achega a colaboración público-privada e a innovación aberta en termos de competitividade: “só o ano pasado foron máis de 100 contratos con industrias galegas para a mellora dos procesos produtivos”, explicou. Asegurou que se constata a fortaleza e o talento do ecosistema de I+D+i galego, por quen a Administración autonómica vai seguir traballando para seguir impulsando a transferencia de coñecemento.

Data de actualización: 06/10/2023