Galicia contará cunha estratexia de contratación adaptada ás particularidades da comunidade
O conselleiro de Facenda e Administración Pública participou na inauguración do IV Simposio de Contratación Pública organizado por AGEINCO
Galicia contará cunha Estratexia Galega de Contratación para adaptar a estratexia marco do Estado ás peculiaridades da Comunidade galega.
Así o puxo de manifesto o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, durante o acto de inauguración do IV Simposio de Boas Prácticas na Contratación Pública organizado pola Asociación Clúster de Empresas de Enxeñería, Consultaría e Servizos Tecnolóxicos de Galicia (AGEINCO) e Conocimiento e Ingeniería de España (CÍES).
Miguel Corgos sinalou o grande volume de contratación licitado pola Xunta e puxo en valor o importante número de actuacións implantadas nos últimos anos polo Goberno galego para mellorar a contratación, como a Lei de Simplificación Administrativa ou a Guía de contratación pública verde, entre outras.
Así mesmo, o conselleiro quixo destacar o compromiso da Administración autonómica galega coa integridade, proba do cal é o Programa Marco de Integridade Institucional e prevención de riscos de xestión. Un programa que afianza a política institucional de integridade da Xunta de Galicia, abordada desde unha perspectiva global.
Corgos lembrou tamén que Galicia foi a primeira comunidade que aprobou un Plan Xeral de Prevención de Riscos de Xestión e Medidas Antifraude, xa a finais de 2021, para xestionar os Next Generation. Un plan que se revisou en maio deste mesmo ano para incluír melloras importantes, como o feito, pioneiro, de que afecta a todos os fondos, e non só aos do Mecanismo de Recuperación, Transformación y Resiliencia.