A Xunta pon en valor en Edugal a rede de Polos de emprendemento e apoio ao emprego que leva asesorado preto de 650 proxectos

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, falou a un grupo de estudantes -no marco do XII Salón da Oferta de Educación e Formación de Galicia- desta Rede que xa ten 10 polos activos

Sinalou que o persoal técnico dos polos presta asesoramento individualizado aos interesados en calquera fase en que se atope o seu proxecto empresarial, de principio a fin, favorecendo o emprendemento feminino e na economía social
 

Pontevedra, 6 de outubro de 2023

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, impartiu hoxe o relatorio Como emprender na Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego da Xunta de Galicia, no marco do XII Salón da Oferta de Educación e Formación de Galicia (Edugal). Alí, explicoulles a un grupo de estudantes as posibilidades de futuro que ofrece esta Rede, que leva asesorado 639 proxectos desde os seus inicios hai algo máis dun ano.

O secretario xeral recordou que a Rede autonómica de apoio ao emprendemento conta na actualidade con 10 polos activos: Ferrol e Coristanco na provincia da Coruña; Mondoñedo, Friol, Monforte de Lemos e A Fonsagrada na provincia lucense; Verín, O Carballliño e O Barco de Valdeorras -este último pendente de inuagurar- na de Ourense e o Polo de Silleda en Pontevedra. A previsión é acadar os 15 polos ao remate do ano co gallo de cubrir a totalidade do territorio.

Segundo salientou Pablo Fernández, coa Rede estase a fomentar a iniciativa empresarial para diversificar a actividade económica sobre o territorio a través da creación de emprego de calidade e o asentamento da poboación. Así, o persoal técnico dos polos presta asesoramento individualizado aos interesados en calquera fase que se atope o seu proxecto empresarial, de principio a fin. Estase a favorecer tamén o emprendemento feminino e na economía social, dando a coñecer este modelo á cidadanía.

Tal e como explicou o secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, un total de 617 persoas foron asesoradas na Rede desde os seus inicios. Destaca a maioritaria presenza feminina entre as persoas beneficiarias dos polos que no 61% dos casos son mulleres con ideas de negocio que desexan reformular ou iniciar. Así mesmo, o 35% dos asesorados son emprendedores en situación de desemprego, polo que os polos son tamén ferramentas para a inserción laboral destas persoas.

Por tipoloxía, máis da metade dos proxectos gardan relación co comercio ao retallo, reparación de vehículos de motor e moticicletas; hostalaría; servizos e agricultura, gandería, silvicultura e pesca. 

Cabe engadir que nos polos ofrécense, entre outros, servizos de información sobre oportunidades de emprendemento, asesoramento personalizado para cada territorio, zonas de networking, captación de investimento, orientación e asesoramento en recursos físicos... Os usuarios, ademais, poderán acceder a convocatorias anuais de axudas para a consolidación do seu investimento e a xeración de postos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/10/2023