O Sergas apoia programas que fomentan a rehabilitación cognitiva para persoas con trastornos do espectro autista no rural

Así o indica o titular da carteira sanitaria, na inauguración da Xornada de detección e diagnóstico en TEA en idades temperás

Comesaña pon en valor o labor do tecido asociativo e subliña medidas como a Tarxeta AA ou o uso de pictogramas para garantir un trato máis amable para as persoas con TEZ

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2023

   O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe, no acto de inauguración dunha Xornada de detección e diagnóstico en trastornos do espectro autista en idades temperás, que estes trastornos “requiren dunha abordaxe integral das necesidades da persoa, con apoios individualizados, e con medidas transversais e xeneralizadas a todos os contextos en que se desenvolva a persoa”. Segundo sinalou o titular da carteira sanitaria, “esta xornada é un claro exemplo da implicación, o interese e os avances que estamos a conseguir no que se refire á accesibilidade cognitiva”.

Comesaña remarcou como clave o traballo do seu departamento coas asociacións, “pois son os que mellor coñecen as necesidades e oportunidades de mellora”. Froito deste traballo colaborativo, o conselleiro destacou que o Sergas adoptou medidas que favorecen a comunicación, “para que o paso destas persoas polos centros sanitarios sexa o máis amable posible”.

Entre as medidas destacadas por Comesaña están a tarxeta AA, que facilita o acceso ás persoas con TEA ao sistema sanitario, garantindo o seu acompañamento. Na actualidade, máis de 18.000 pacientes posúen esta tarxeta. Tamén referiu o uso de pictogramas, que modifican a sinalización dos centros, ou a elaboración de vídeos para que estas persoas coñezan de antemán os pasos que van seguir na realización de distintas probas diagnósticas e as fagan con tranquilidade e seguridade.

Xunto ao anterior, o Sergas elaborou unha Guía de recomendacións para a atención sanitaria destes pacientes, “que contribúe a mellorar a sensibilidade dos profesionais á hora de tratalos”. Tamén está dispoñible na web da Escola galega de Saúde para os Cidadáns un Pictotradutor, ferramenta baseada en imaxes intuitivas que se recordan facilmente.

Programas de apoio

Na súa intervención no acto, ao que tamén asistiu a presidenta da Federación de Autismo Galicia, Mercedes Fernández Angulo, o máximo responsable do Sergas puxo en valor as axudas concedidas polo Executivo galego para programas de apoio psicolóxico para estes pacientes e as súas familias, así como ao apoio en contextos naturais para persoas con TEA. Outros programas apoiados dende a Xunta son os do fomento do benestar emocional destes doentes e os referidos á rehabilitación cognitiva ou a abordaxe grupal baseada na integración sensorial e o xogo.

Especial mención tivo Comesaña para o Programa de atención temperá para nenos e nenas con sospeita de TEA.

Estas actividades poñen especial énfase na poboación infantil e no medio rural.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro incidiu no convenio que o seu departamento mantén coa Federación Autismo Galicia para o desenvolvemento de actividades de formación e sensibilización na contorna sanitaria, grazas ao que atendéronse, no pasado ano, a 2.080 homes e 1.027 mulleres.

Data de actualización: 06/10/2023