Rivo destaca a importancia dunha formación especializada unida ás capacidades diferentes de cada un para desenvolver un emprego con éxito

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou hoxe en Pontevedra no Salón da Oferta de Educación e Formación de Galicia (Edugal) no Encontro en feminino: as competencias brandas no desenvolvemento cotián

Participou nunha mesa redonda coa palista Estefanía Fernández na que avaliaron a importancia de concienciar desde idades temperás sobre a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes

Pontevedra, 5 de outubro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou hoxe en Pontevedra no Encontro en feminino: as competencias brandas no desenvolvemento cotián que tivo lugar no XII Salón da Oferta de Educación e Formación de Galicia (Edugal). Rivo indicou a importancia dunha formación ampla e especializada que unida á experiencia e ás capacidades diferenciadoras de cada un son claves para desenvolver un emprego con éxito.

Neste encontro que mantivo con estudantes de diferentes idades, e no que tamén participaron a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva Lantarón, e a piragüista Estefanía Fernández, a conselleira avogou por políticas para acadar o fortalecemento das mulleres no mercado de traballo.

Así, a Xunta ten en marcha programas neste eido, para impulsar o liderado da muller na empresa e actuacións para promover a formación especializada como son as microcredenciais para dar resposta ás máis de 15.000 vacantes laborais que existen hoxe en día en Galicia.  

Deste xeito, o Goberno galego está a traballar para facer de Galicia unha terra de oportunidades reforzando os mecanismos para combater o desemprego e o impulso da formación e da cultura emprendedora.

A conselleira referiuse á importancia da actidude fronte á aptitude para acadar un emprego de éxito e de como potenciar as capacidades diferentes de cada un forma parte do liderado. Así mesmo, falaron sobre a importancia de promover a igualdade de oportunidades e concenciar e sensibilizar sobre este eido desde idades temperás.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade participa en Edugal cun stand no que se ofrece, entre outros, información sobre os programas autonómicos no eido da formación e o emprego, charlas sobre como facer un CV, unha presentación ou unha entrevista de traballo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/10/2023