A Xunta forma a medio cento de persoas para exercer de guías especializados no Parque Nacional das Illas Atlánticas

Tras superar a fase teórica, os participantes cursaron hoxe o último día de instrución da parte práctica, o paso final para lograr a acreditación necesaria para dar a coñecer os valores deste espazo natural entre os seus visitantes

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2023

Un total de 50 persoas participaron entre o pasado luns e hoxe na parte práctica e presencial do curso formativo gratuíto que lles permitirá acreditarse como guías especializados do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

A actividade, impulsada pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, ten como fin ofrecer ás persoas interesadas a formación necesaria para poder exercer axeitadamente o labor de guía neste espazo natural. Así, está enfocada en dar aos participantes as ferramentas técnicas e as bases conceptuais imprescindibles para poder desenvolver accións didácticas e de dinamización de grupos.

Cómpre subliñar que todas as persoas que remataron hoxe a súa formación práctica xa superaran unha fase teórica, iniciada o pasado 17 de abril. Esta parte expositiva contou con máis de 70 horas de instrución en liña, incluíndo materiais de apoio, autoavaliacións, exercicios prácticos e todos os recursos necesarios para desenvolver axeitadamente a función para a que se lles prepara.

Unha vez afianzados os coñecementos teóricos, o alumnado tivo ocasión de aplicar o aprendido en situacións reais nun período práctico que se estendeu desde o pasado luns ata hoxe. Cunha duración total de 30 horas e baixo a supervisión de persoal técnico do Parque Nacional, esta parte da formación desenvolveuse presencialmente nas illas de Cíes, Ons e Cortegada. Agora, unha vez superada a fase práctica, os participantes poderán acreditarse oficialmente como guías especializados deste espazo natural.

180 solicitudes

Cómpre destacar que as persoas inscritas no curso supoñen só unha parte do total de solicitudes recibidas —180 para as 50 prazas ofertadas— e que entre elas existe unha grande variedade de perfís profesionais, aínda que a maioría desenvolven a súa actividade nalgún ámbito relacionado, de forma directa ou indirecta, co sector turístico da área de influencia das Illas Atlánticas.

En concreto, entre os participantes hai informadores en puntos de atención turística, técnicos de concellos ou de organismos vinculados ao sector, traballadores de navieiras que operan o transporte aos arquipélagos ou persoal de hostalería, entre outros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/10/2023