A Xunta require ao Concello de Lugo un informe sobre o edificio apuntalado na rúa do Moucho

O delegado territorial, Javier Arias, explicou ao presidente de Lugo Monumental, Luis Latorre, que o Goberno galego xa autorizou no 2015 as intervencións recollidas nunha orde de execución municipal

Lugo, 5 de outubro de 2023

A Xunta de Galicia requiriu o pasado día 20 ao Concello de Lugo un informe sobre a situación do expediente do edificio da rúa do Moucho apuntalado xunto á Muralla -no número 12-. O requirimento responde á denuncia presentada por Lugo Monumental ante o Servizo do Patrimonio Cultural da Delegación Territorial.

O delegado territorial, Javier Arias, mantivo hoxe unha reunión co presidente da asociación, Luis Latorre, na que explicou que a Xunta xa autorizara no ano 2015 as intervencións dunha orde de execución na que o Concello instaba aos propietarios a acometer as obras imprescindibles para garantir a seguridade e conservación da edificación.

O inmoble atópase no ámbito do Plan Especial de Protección e Reforma Interior do recinto Amurallado e a súa zona de influencia (PEPRI) do Conxunto Histórico Artístico de Lugo (declarado BIC), clasificada cun nivel de protección 4, con elementos catalogados a conservar.

Arias lembrou que, en todo caso, o Concello pode executar subsidiariamente os   traballos necesarios para eliminar tanto o armazón que suxeita o edificio como o valado que pecha o paseo interior.

Ao respecto, o delegado aclarou que “o impacto visual sobre a Muralla é innegable, pero o enreixado e os puntais están fixados no chan e nin se apoian nin tocan sequera o monumento, polo que non producen ningunha afección á estrutura”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/10/2023