A delegada da Xunta destaca os altos índices de inserción laboral do Programa Integrado de Emprego de Mos

Ana Ortiz participou xunto á alcaldesa Nidia Arévalo na Mesa Sectorial Kit ao Emprego celebrada este xoves

Vigo, 5 de outubro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou este xoves en Mos na Mesa Sectorial Kit ao Emprego, enmarcada no VIII Programa Integrado de Emprego que a Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade subvenciona na localidade mosense.

Acompañada pola alcaldesa, Nidia Arévalo, e a concelleira de Formación e Emprego, Julia Loureiro, a representante autonómica acudiu ao encontro que se celebrou da man do tecido empresarial de Mos no espazo colaborador Zen Suite Garde, sito na parroquia de Torroso.

Entre o empresariado participante contouse coa participación de Ramón Alonso, director xeral de Dalot; Verónica Allegue, mánager de Plastic Omnium; Angeles Leirós, xerente de Accesca e Tania Herbojo, técnica de selección de Vegalsa Eroski. Á xornada asistiron 50 persoas, entre usuarios do propio Programa Integrado de Emprego e público interesado.

A delegada territorial sinalou durante a súa intervención que estamos ante outra "excelente actividade" para comprobar a "boa xestión" dos fondos públicos en Mos. "Hai iniciativas como os Programas Integrados de Emprego que dan sentido ao traballo das administracións e resulta unha marabilla comprobar que o diñeiro está moi ben investido e que se incrementan os índices de inserción laboral", sinalou tras agradecer tamén a implicación das empresas privadas.

“Man tendida á Xunta”

Para clausurar o acto, Nidia Arévalo salientou que “aínda que non é unha competencia municipal, unha das miñas máximas prioridades e preocupacións na xestión como alcaldesa é a inserción laboral da veciñanza en situación de desemprego, por iso quero agradecer a man tendida da Xunta de Galicia polo seu apoio incondicional a programas coma este no Concello de Mos, ás empresas pola súa colaboración e participación neles; e, aos usuarios e usuarias, animalos a seguir esforzándose e continuar formándose e realizando unha busca proactiva que, de seguro, dará os seus froitos”.

Durante todo o evento os profesionais compartiron as chaves dos seus procesos de selección, dos diferentes perfís profesionais que buscan e dos requisitos e das actitudes valoradas dende a perspectiva dos propios técnicos e técnicas de selección para, deste xeito, poder acadar con éxito a inserción laboral. Así mesmo as persoas asistentes tiveron a oportunidade de compartir os seus intereses e motivacións profesionais co persoal integrante da mesa sectorial.

Datos do VIII Programa Integrado

O Programa Integrado de Emprego 2023 Concello de Mos iniciouse con 100 persoas usuarias do mesmo, das cales 60 xa se atopan traballando. Esta VIII edición do Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos comezou en novembro do ano pasado e conta con subvención autonómica da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, que aporta 250.000 euros do total de 314.465,41 euros que custa o proxecto. O importe restante é cofinanciado pola administración local mosense.

A porcentaxe de inserción acadada elévase xa ao 60% e desde o programa continuarase asesorando e orientado a aquelas persoas demandantes na procura activa de emprego, nos procesos de selección ou noutros perfís profesionais dende a perspectiva do actual mercado laboral, para poder acadar a máxima porcentaxe posible de inserción laboral das persoas participantes antes da súa finalización o vindeiro 16 de novembro. Con esta porcentaxe actual de inserción do 60% xa se superou o obxectivo final do programa, pois se establecía a inserción dun mínimo dun 45% das persoas participantes.

Outros dos obxectivos do Programa Integrado son: a mellora da empregabilidade das persoas participantes. Ser un instrumento útil para as empresas, traducido na adecuación dos perfís profesionais para unha posible incorporación ás súas empresas. E ofrecer medidas de apoio ao participante tales como a axuda de 7 €/día por participar nas accións que se establezan nos seus itinerarios de inserción e medidas de conciliación, se as necesitan.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/10/2023