A Xunta inviste máis de 3 millóns de euros na mellora da PO-400 ao seu paso por As Neves, Arbo e Crecente

O delegado territorial destacou a importancia de manter en boas condicións as estradas de titularidade autonómica para mellorar a seguridade de todos os usuarios

As obras inclúen a renovación das marcas viarias, dos símbolos e dos cabreados; a colocación de elementos de balizamento; e a mellora da capacidade de drenaxe da vía

As Neves (Pontevedra), 5 de outubro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o concello de As Neves onde a Xunta está a realizar unhas obras de renovación do firme.

En concreto os traballos estanse a levar a cabo na PO-400 e consisten na renovación e rehabilitación do asfaltado en zonas localizadas e deterioradas. Esta actuación, que tamén beneficiará aos concellos de Arbo e Crecente, mellorará a estrada dende o punto 8+700 ata o 28+000, en total preto de 20 quilómetros para os que a Xunta fixo un investimento de máis de 3 millóns de euros.

Ademais da mellora do firme, a obra contempla outras actuacións secundarias como a reparación puntual da sección transversal, en distintos puntos, para mellorar a capacidade de drenaxe superficial da vía; a substitución das marcas viarias, así como dos símbolos e cabreados; e a colocación de elementos de balizamento.

O delegado territorial lembrou que esta obra responde ao compromiso da Xunta por manter en bo estado as vías das que é titular para mellorar así a seguridade viaria dos galegos e galegas. Ademais, Reguera destacou os bos resultados “que xa podemos observar e que, de seguro, darán moita tranquilidade aos miles de condutores que pasan pola PO-400”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/10/2023