O delegado territorial da Xunta clausura o obradoiro de emprego dual de Caldas e asegura que a iniciativa “logrou o seu obxectivo”

Os obradoiros de emprego duais combinan a formación teórica coas prácticas remuneradas

O delegado territorial lembrou que para este curso poranse en marcha máis de dez novos obradoiros na área territorial de Pontevedra, grazas a unha inversión da Xunta de preto de sete millóns de euros

Ponteareas, 05 de outubro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá na clausura do obradoiro de emprego dual financiado pola Xunta con máis de medio millón de euros no Concello de Ponteareas.

Neste obradoiro, que tivo unha duración aproximada dun ano, participaron un total de 20 alumnos e alumnas que se dividiron entre as especialidades de Atención sociosanitaria en domicilio e institucións e Albanelería.

Os participantes puideron aprender da man de grandes profesionais todo o necesario para poder desenvolverse profesionalmente nestas áreas. Ademais, os estudantes participaron durante un ano nas clases teóricas e nas formacións prácticas remuneradas, que os levaron a desenvolver todo tipo de proxectos que beneficiaron directamente aos seus concellos.

Entre estas iniciativas destacan a atención sociosanitaria da man do servizo de axuda domiciliaria do Concello de Ponteareas e o traballo na Residencia de Maiores Santa Ana. Pola súa banda, os estudantes do obradoiro de albanelería traballaron no acondicionamento de diversos elementos do concello como a Casa Cultural de Areas, o Parque de Castiñeiras ou o Parque da Feira Vella.

A día de hoxe, varios destes alumnos, que demostraron ter unha gran capacidade de aprendizaxe e traballo, xa conseguiron un contrato laboral. Os responsables dos cursos están agora a contactar con empresas destes sectores para estudar a posibilidade de que máis alumnos dos obradoiros duais poidan ser contratados.

No acto de clausura proxectouse un vídeo resumo con algúns dos traballos realizados durante o último ano. O delegado territorial asegurou sentirse “moi satisfeito cos resultados que están a ter estes obradoiros duais” e asegurou que “despois de dúas semanas vendo de primeira man os traballos realizados polos máis de 500 alumnos que participaron este ano nestes cursos na provincia de Pontevedra, estou convencido de que os obradoiros de emprego duais son unha iniciativa que ten un gran impacto e que, definitivamente, está a lograr o seu obxectivo”·

Reguera aproveitou para lembrar que este ano vanse levar a cabo máis dunha decena de novos obradoiros nos concellos da Área Territorial de Pontevedra, por unha inversión de preto de sete millóns de euros. Entre eles volve estar o Concello de Ponteareas, que repetirá os cursos de Atención sociosanitaria e Albanelería.

O delegado concluíu o acto lembrando que “a mellor política social é a política de emprego, por iso estes obradoiros teñen tan bos resultados e por iso dende a Xunta seguiremos a apostar por eles“. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/10/2023