A Xunta sinala en Conxemar a relevancia do sector loxístico para mellorar a conectividade e potenciar a internacionalización do tecido produtivo galego

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta mañá no encontro loxístico Conectividade de contedor marítimo en Galicia, celebrado no marco da Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados

Subliña o papel da colaboración público-privada para potenciar o crecemento dos sectores produtivos, unha cooperación que, no caso da industria loxística, se materializa nun acordo co Clúster que está a permitir apostar pola innovación e potenciar a internacionalización

Explica que accións como a ruta marítima co Porto de Miami na que se está a traballar, ou a participación en eventos como a Feria Transport Logistic de Múnic permiten reforzar e poñer en valor as posibilidades e o papel de Galicia como nodo loxístico internacional

Vigo, 5 de outubro de 2023

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta mañá no encontro loxístico Conectividade de contedor marítimo en Galicia que, celebrado no marco da Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados – Conxemar, permitiu avaliar e coñecer a situación e as posibilidades deste sector no actual contexto económico. Neste sentido, e como destacou Toca, a loxística configúrase como unha industria clave de cara a mellorar a conectividade e potenciar a internacionalización do tecido produtivo galego.

“Unha das aprendizaxes extraídas da pandemia foi, sen dúbida, tomar consciencia da importancia da loxística e o transporte no noso día a día. Os sectores produtivos medran en Galicia grazas á loxística, e a loxística medra grazas aos sectores produtores”, apuntou a directora do Igape, quen puxo en valor o papel da colaboración público-privada neste contexto, destacando o traballo conxunto que está a realizar o Goberno galego xunto ao Clúster da Función Loxística de Galicia.

Esta cooperación, afondou Covadonga Toca, plásmase nun acordo de colaboración que se estende ata o 2024, e que permite analizar datos de conectividade internacional, buscar solucións para as necesidades do sector en cuestións de actualidade como a distribución urbana de mercadorías e as infraestruturas do transporte, apostar pola innovación en iniciativas como o proxecto europeo Cologistics -que impulsa a colaboración transfronteiriza no ámbito do transporte e a loxística da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal-, ou potenciar a internacionalización da loxística de Galicia. 

Neste escenario, a directora do Igape salientou algunha das accións máis importantes que se están a levar a cabo de cara a potenciar Galicia como nodo loxístico internacional, como os avances na ruta comercial directa co Porto de Miami, que busca impulsar tanto a loxística de frío e a sustentabilidade dos portos da Comunidade como a situación de Florida como hub loxístico; ou a participación na Feria Transport Logistic celebrada en Múnic, que contribuíu á posta en valor do potencial de Galicia como nodo loxístico internacional.

“A Xunta ten claro que a loxística constitúe a base para a apertura comercial, a competitividade e a globalización económica, converténdose en peza fundamental para o crecemento económico”, apuntou a directora do Igape, que explicou tamén que, sen un bo servizo loxístico, “hoxe non poderiamos falar de que durante o último ano Galicia superou o récord histórico de exportacións, rozando a barreira dos 30.000 millóns de euros”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/10/2023