O delegado territorial da Xunta en Ourense supervisa o remate das obras do itinerario peonil e ciclista na OU-536, no tramo da Rabaza, en Ourense

Gabriel Alén remarca que se trata dunha das tres sendas, nas estradas OU-105 (Ponte Sevilla), OU-536 e na avenida de Ponferrada, nas que a Xunta investiu 1,8 M€ para mellorar a mobilidade dos veciños

O tramo rematado permite poñer á disposición un novo itinerario de arredor de 1,5 km pola marxe esquerda da estrada que vai a Trives, a OU-536, na Rabaza

O delegado territorial subliñou que “este ano teremos rematados case 11 quilómetros de sendas en estradas autonómicas na comarca de Ourense, ás que a Xunta destina un investimento que supera os 10 M€, e xa estamos traballando para a curto prazo iniciar as obras do eixo Intermodal – Ponte Vella – Expourense e a senda de Reza”
 

Ourense, 5 de outubro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá o remate das obras do itinerario peonil e ciclista na OU-536, no tramo da Rabaza. Trátase, dixo, unha das tres sendas, nas estradas OU-105 (Ponte Sevilla), OU-536 e na avenida de Ponferrada, nas que a Xunta investiu 1,8 M€ para mellorar a mobilidade dos veciños de Ourense.

O delegado territorial explicou que no seu conxunto, a intervención implica a execución de máis de 3,5 quilómetros de sendas de uso compartido, peonil e ciclista. As sendas dispoñen dun ancho variable cun mínimo de 1,80 metros para garantir unha boa accesibilidade. Van separadas da estrada por distintos elementos: vexetación máis bordo, de 1 metro de ancho, bordo de sinalización ou a combinación destes dous elementos. O bordo, ademais, vai sobreelevado uns centímetros sobre a vía para maior seguridade dos peóns.

Asemade, Gabriel Alén subliñou que “este ano teremos rematados case 11 quilómetros de sendas en estradas autonómicas na comarca de Ourense, ás que a Xunta destina un investimento que supera os 10 M€, e xa estamos traballando para a curto prazo iniciar as obras do eixo Intermodal – Ponte Vella – Expourense e a senda de Reza”

Para habilitar esta senda da Rabaza, concretamente, actuouse entre os quilómetros 0+790-2+320, creando un itinerario de arredor de 1,5 km de lonxitude na estrada que vai a Trives, a OU-536, na Rabaza, pola marxe esquerda da vía.

A senda parte do paso de peóns no cruzamento co camiño de Souto Sanín, segue pola esquerda e desvíase polo terraplén cara á rúa B, continuando ata acadar a intersección coa OU-536 (no quilómetro 2+400).

As obras consistiron na realización dun itinerario peonil seguro mediante a construción dunha senda de formigón contigua á calzada. Realizouse a preinstalación de canalización de alumeado e de telecomunicacións, dotando novas canalizacións de drenaxe e mellorouse a rede de sumidoiros existente.

No referente ás estruturas foi necesaria a construción de muros de contención, así como unha pasarela adosada ao viaduto da estrada OU-536. Tamén se melloraron as paradas de autobús mediante a construción dun espazo para que poida apartar o bus fóra do carril de circulación, garantindo a accesibilidade peonil e coa instalación de novas marquesiñas.

Gabriel Alén destacou que estes novos itinerarios peonís enmárcase no Plan de Sendas de Galicia que a Xunta está a desenvolver distintas comarcas galegas, entre as que está a de Ourense. As obras salientou, son exemplo da grande aposta pola mobilidade segura, menos contaminante e máis beneficiosa para a saúde que está a facer a Xunta e que xa ten permitido por á disposición dos galegos máis 200 km de sendas grazas a un investimento de 50 M€.

As actuacións están cofinanciadas con fondos europeos do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

O Goberno galego continúa co seu compromiso de mellora da rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé de modo máis seguro e sustentable.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/10/2023