A Xunta destina 2,2 M€ a contratar axentes de emprego de desenvolvemento local para contribuír á dinamización da economía

O DOG publica hoxe a convocatoria de axudas para apoiar aos consistorios na implantación de políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial, coa previsión de financiar un total de 207 axentes noutros tantos concellos

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de axudas para que os concellos contraten axentes de emprego de desenvolvemento local por un orzamento de 2,2 millóns de euros. O obxectivo é apoiar aos consistorios na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial, coa previsión de financiar un total de 207 axentes noutros tantos concellos.

Así, as funcións principais destes axentes son colaborar de cara á creación de actividade empresarial, actuar como promotores desa actividade e servir de asesores puntuais de proxectos de empresa e como prospectores de mercado, contribuíndo á dinamización da economía local e á xeración de novas actividades no rural.

Con estas axudas, a Xunta potencia o papel da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia como motor do emprendemento e da creación de emprego co gallo de apoiar a constitución de pequenas e medianas empresas, favorecendo un tecido empresarial máis estable, a diversificación de actividades e, sobre todo, un crecemento económico sostido.Trátase así dunha figura especializada na promoción do emprego coa que se procura axudar ás empresas a desenvolver os seus proxectos no rural, realizando un importante labor que contribúe -ao tempo- a fixar poboación.

Entre as actuacións desta Rede inclúense a promoción da igualdade de oportunidades e o acompañamento técnico no inicio de proxectos empresariais, asesorando e informando sobre a súa viabilidade técnica, económica e financeira e aplicando técnicas de consultoría en xestión empresarial e asistencia nos procesos formativos adecuados, para contribuír á boa marcha das empresas creadas.

As diferentes estratexias de activación para o emprego recollen entre os seus principios de actuación o de colaboración con axentes de interlocución social e outros axentes públicos e privados, sectoriais ou locais, para xerar redes de confianza, obter mellor información e reforzar as dimensións territorial e sectorial das políticas activas de emprego.

O prazo de solicitude das axudas para os concellos que desexen contratar ou prorrogar esta figura de axentes permanecerá aberto ata o 6 de novembro.

Ligazón ao Diario Oficial de Galicia:
Data de actualización: 05/10/2023