O campus en liña de igualdade laboral da Xunta xa expediu máis de 700 certificados do curso de prevención do acoso sexual e por razón de sexo no traballo

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, presentou hoxe en Vigo unha xornada que organiza a Xunta sobre a aplicación do Convenio 190 da Organización Internacional do Traballo de loita contra o acoso laboral

A iniciativa forma parte das accións que está a desenvolver o Goberno galego en materia de igualdade laboral

Vigo, 4 de outubro de 2023

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, presentou hoxe en Vigo a xornada Convenio 190 OIT: un documento fundamental na igualdade laboral entre mulleres e homes, organizada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade no marco das accións formativas que está a desenvolver a Dirección Xeral de Relacións Laborais en materia de igualdade laboral.

Con esta actuación, tal e como salientou Mancha, preténdense afondar sobre o Convenio 190 da Organización Internacional do Traballo (OIT) sobre violencia e acoso no mundo do traballo e a súa aplicación á lexislación española.

Este convenio é un instrumento novo en canto á definición de violencia e acoso, ámbito de aplicación e cun enfoque preventivo, inclusivo, integrado e sensible ao xénero, obrigando aos estados que o ratifiquen, como así fixo España, para adaptar a súa normativa. Esta ferramenta obriga ás persoas empregadoras a adoptar distintas medidas a nivel de empresa, de lugar de traballo e ás persoas traballadoras a observar a normativa e a contribuír na súa elaboración e aplicación.

A directora xeral de Relacións Laborais explicou os instrumentos cos que conta a Xunta para facer fronte no eido laboral ao acoso sexual, sexista, discriminatorio, moral, á violencia no traballo, e ao ciberacoso. Así, puxo como exemplo a guía para a prevención e o tratamento do acoso sexual e por razón de sexo nas pemes e o documento que se vai publicar proximamente sobre a protección e garantía da integridade sexual nas empresas.

Así mesmo, indicou que o campus en liña de igualdade laboral da Xunta expediu xa máis de 700 certificados do curso teórico-práctico sobre a prevención e o tratamiento do acoso sexual e por razón de sexo no traballo, unha iniciativa dirixida a personas que forman parte dos departamentos de recursos humanos e organizacións empresariais e sindicais co obxecto de detectar e previr condutas de acoso.

Mancha, ademais, avanzou que se impartirá proximamente un novo curso teórico-práctico para a protección integral fronte ao acoso no traballo de 15 horas de duración.

A xornada conta coa participación tamén do maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Jose Fernando Lousada Arochena, e da conselleira técnica da OIT en España, Sara López.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/10/2023