Reguera convida a participar na campaña Outono Gastronómico no turismo rural nun acto en Caldas de Reis

A campaña conta con 16 establecementos pontevedreses adheridos dun total de 79 en toda Galicia

O delegado territorial convidou a todos os interesados a gozar dos produtos gastronómicos e da calidade dos servizos galegos

Caldas de Reis, 04 de outubro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, presentou esta mañá en Caldas de Reis a 17º edición da campaña Outono Gastronómico no Turismo Rural. Esta iniciativa ten como obxectivo promover a gastronomía e as alternativas hoteleiras do rural galego, ofrecendo experiencias a uns prezos moi atractivos.

Nesta edición son 16 pontevedreses dun total de 79 galegos os establecementos adheridos a esta iniciativa. Un deles é o Hotel Casal do Celenis, onde o delegado territorial acudiu para coñecer de primeira man o impacto que está a ter esta edición do Outono Gastronómico.

Neste sentido, Reguera sinalou que “xa son moitas edicións as que levamos ás costas e cada vez parece que os resultados son mellores. Este ano conseguimos aumentar o número de establecementos adheridos en Galicia e estamos seguros de que tamén imos mellorar os resultados do programa”.

A campaña Outono Gastronómico no Turismo Rural arrancou o pasado día 15 de setembro e continuará ata o 17 de decembro. Como novidade deste ano, un autobús promocional percorreu varias praias do litoral da comunidade autónoma durante os meses de verán para dar a coñecer os beneficios que ofrece esta iniciativa.

Agora, durante os próximos meses, quen queira gozar dunha experiencia de primeiro nivel a un prezo reducido, poderá optar por un dos catro packs que se ofertan: Menú Outono Gastronómico; Paquete Outono Gastronómico; Fin de Semana Outono Gastronómico; e Fin de Semana Familiar Outono Gastronómico. Os detalles de cada unha das alternativas poden consultarse en turismo.gal.

O delegado territorial rematou a visita instando a todos a aproveitar esta oportunidade de “gozar dos excelentes produtos e servizos que temos en Galicia e sumarse ás máis de 85.000 persoas que xa participaron nas edicións dos anos pasados”. A campaña Outono Gastronómico no Turismo Rural xerou nas súas 16 edicións máis de 5.3 millóns de euros coas estadías nos establecementos adheridos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/10/2023