A Xunta apoia a campaña para a promoción do consumo de quenlla presentada por Interfish en Conxemar

Vigo, 4 de outubro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou na presentación da campaña de promoción do consumo de quenlla elaborada pola organización interprofesional pesqueira Interfish, no marco da celebración da XXIV edición da Feira Internacional de Produtos do Mar conxelados Conxemar. Esta iniciativa é unha das catro accións incluídas no convenio de colaboración subscrito coa Consellería do Mar no que tamén se recolle a celebración dun congreso sobre a sustentabilidade do palangre de superficie, a participación en feiras sectoriais como Conxemar e actividades de promoción e posicionamento.

A campaña, que se desenvolverá do 15 outubro ao 15 de novembro, consistirá na colocación de carteis en 1.400 supermercados cos que xerar novos puntos de encontro co consumidor e na elaboración e distribución de 140.000 receitarios coa quenlla como protagonista. Ademais, inclúe a produción de sete titoriais gravados en alta resolución para a súa difusión en redes sociais e medios de comunicación cos que achegar á mocidade as propiedades gastronómicas deste produto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/10/2023