A delegada territorial da Xunta en Ferrol visitou esta mañá unha das dúas casas rurais da zona adheridas a esta campaña promociona, das 24 da provincia da Coruña

Martina Aneiros anima a coñecer os establecementos rurais da zona a través dunha nova edición da campaña Outono Gastronómico de turismo de Galicia

Na iniciativa, que se desenvolve ata o próximo 17 de decembro, participan un total de 79 negocios de toda Galicia que ofrecerán con motivo da ocasión dous menús coidados e baseados na calidade dos produtos galegos

Búscase dinamizar o turismo no ámbito rural e favorecer a desestacionalización da oferta

Valdoviño (A Coruña), 4 de outubro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Valdoviño, Alberto González, visitou esta mañá o establecemento turístico Casa do Morcego, na parroquia de Vilarrube, unha das dúas casas rurais da zona adheridas á nova campaña Outono Gastronómico de Turismo de Galicia que promove estadías de fin de semana e menús gastronómicos con produtos autóctonos durante os meses de outono.

Trátase da 17ª edición desta iniciativa que se desenvolve entre o 15 de setembro e o 17 de decembro co obxecto de dinamizar o turismo no ámbito rural e favorecer a desestacionalización durante este período. “É unha oportunidade fantástica sobre todo para que os propios galegos coñezamos a través da gastronomía e do turismo rural lugares e paisaxes da nosa Comunidade que descoñecíamos ata o momento”, indicou Aneiros.

Os 79 establecementos participantes (da comarca, Casa do Morcego e Muíño das Cañotas, en Cariño) ofrecen dous menús coidados e baseados na calidade dos produtos galegos, tanto do mar coma da terra, deseñados especificamente para esta campaña.

Coa fin de adaptarse ás necesidades dos distintos tipos de viaxeiros, ademais do Menú Outono Gastronómico, a iniciativa oferta paquetes de menús e estadías nas casas de turismo rural adheridas á campaña (Paquete Outono Gastronómico) ou o Paquete Fin de semana Outono Gastronómico que inclúe dous menús por persoa e o aloxamento de dúas noites e o Paquete Fin de semana familiar Outono Gastronómico para aqueles que queiran gozar da iniciativa en familia (dous adultos e un ou dous nenos de ata 14 anos). Ademais está dispoñible o Paquete Outono Plus, naqueles establecementos que oferten adicionalmente outras actividades complementarias como paseos a cabalo, descenso en canoa, sendeirismo ou visitas culturais. Os prezos oscilan entre os 35 euros do Menú Outono Gastronómico ata os 340 no caso do paquete de fin de semana familiar.

Os interesados nesta iniciativa poden atopar a información completa nas guías promocionais dispoñibles nas oficinas de turismo ou a través da páxina web de Turismo de Galicia.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/10/2023