Román Rodríguez destaca o potencial da FP galega como garantía de cualificación profesional e valor engadido para as empresas

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades participa na inauguración de Edugal, o XII Salón de Educación e Formación de Galicia, Edugal

Anima aos mozos a achegarse aos stands dos centros integrados de FP para coñecer de primeira man a ampla oferta de ensino

Pontevedra, 4 de outubro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, aproveitou a inauguración do XII Salón de Educación e Formación de Galicia, Edugal, para poñer en valor a fortaleza da Formación Profesional galega e o compromiso da Xunta con estas ensinanzas que son sinónimo de “calidade e de empregabilidade”.

Na súa intervención, Román Rodríguez sinalou que Galicia “é líder indiscutible” neste ámbito grazas a un traballo constante “entre administración, centros educativos e empresas” que se traduce en “confianza entre as familias, en prestixio das empresas, e, sobre todo, en utilidade para os estudantes” dadas as altas taxas de inserción laboral que rozan o 85% na FP en xeral e practicamente do 100% na modalidade Dual.

Así pois, o titular de Educación do Goberno galego emprazou aos estudantes a achegarse a esta feira para coñecer de primeira man a oferta formativa de FP en Galicia. Ademais dunha ampla oferta, cun máximo histórico de case 65.000 alumnos este curso, Román Rodríguez fixo fincapé nos másteres e cursos de alta especialización adecuados aos novos perfís profesionais de futuro vinculados a ámbitos como as tecnoloxías, o medio ambiente e a sostibilidade, entre outros.

O conselleiro tamén aproveitou para agradecer o traballo coordinado entre entidades públicas e privadas para facer posible esta cita xa consolidada como punto de encontro entre alumnos, profesionais do ensino, centros de formación e institucións educativas que ofrece asesoramento e orientación aos estudantes. 

Escaparate da FP galega

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades conta cun espazo propio en Edugal, un escaparate para promocionar a Formación Profesional entre o alumnado, as familias e as empresas de Pontevedra e das comarcas limítrofes. O expositor conta coa presenza de centros educativos da contorna que imparten estas ensinanzas, en concreto a Escola de Cantería de Poio e os centros integrados de FP Carlos Oroza, A Xunqueira, Montecelo (os tres de Pontevedra), A Granxa (Ponteareas), Fontecarmoa (Vilargarcía de Arousa), Manuel Antonio, Valentín Paz Andrade e Audiovisual de Vigo.

 

Neste espazo ofrécese información sobre as características e posibilidades da FP, o acceso a estas ensinanzas, saídas profesionais, acreditación de competencias, emprendemento, innovación, etc.

Os postos dos centros están atendidos por profesorado, alumnado e orientadores, que tamén dan a coñecer varios dos proxectos de innovación relacionados desenvolvidos polos estudantes. Entre os proxectos presentados, pódese atopar un simulador forestal, un vehículo eléctrico, diversas aplicacións da impresión 3D ou produtos téxtiles elaborados polo alumnado de ciclos formativos de grao básico. Ademais, o alumnado dos CIFP Carlos Oroza e Manuel Antonio ofrecen showcookings aos visitantes.

A maiores, no espazo da Consellería en Edugal pode atoparse información sobre a oferta e proxectos dos institutos IES Frei Martín Sarmiento, Luis Seoane (ambos de Pontevedra) e Vilalonga (Sanxenxo), así como do Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga e da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens de Galicia (Pontevedra) e da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (Vigo).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/10/2023