A Xunta inicia a execución de actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Ouro no concello de Alfoz

Os treitos obxecto das intervencións suman unha lonxitude total de máis de 5 km

As tarefas céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos

A entidade hidráulica da Xunta continúa a traballar na mellora dos leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de iniciar as actuacións de conservación e limpeza no treito interurbano do río Ouro, no concello de Alfoz.

 

Estas tarefas desenvolveranse nunha lonxitude de máis de 5 quilómetros, no percorrido deste río por distintos lugares das parroquias de San Pedro de Mor, Bacoi, Carballido e O Castro de Ouro.

 

Os traballos céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos.

 

Unha vez finalizadas estas actuacións, o río Ouro quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

 

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-norte e nas súas zonas de acceso e protección.

 

A Xunta mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/10/2023