Trenor inaugura en Betanzos o obradoiro de emprego que ofrece formación e traballo a 16 menores de 30 anos desempregados

Este programa mixto de formación e emprego conta con dúas especialidades atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e atención sociosanitaria a persoas no domicilio

Betanzos (A Coruña), 4 de outubro de 2023

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, inaugurou, esta mañá, no Concello de Betanzos o obradoiro de emprego mozo, Coidados na dependencia, no que se ofrece formación e traballo a 16 persoas desempregadas dos municipios de Betanzos, Abegondo, Coirós e Paderne, durante 12 meses.

 

Este taller de formación e emprego céntrase na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibilitan un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procura a cualificación profesional e favorece a posterior inserción laboral das persoas desempregadas que o realicen. Ademais, esta formación impulsa tamén o emprendemento xa que os beneficiarios recibirán formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.

 

Neste caso concreto de Betanzos, a Xunta inviste máis de 424.000 euros para poñer en marcha esta iniciativa na que se formarán 16 alumnos e alumnas, menores de 30 anos, nas especialidades de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e atención sociosanitaria a persoas no domicilio. Ademais de recibir esta formación tamén percibirán o salario mínimo interprofesional.

 

O representante da Xunta na Coruña destacou a aposta do Goberno galego polo emprego e por este tipo de iniciativas mixtas que contan cunha dobre finalidade porque aportan formación ao mesmo tempo que garanten un traballo remunerado para as persoas en situación de desemprego. Trenor animou aos alumnos e alumnas a aproveitar esta oportunidade.

 

A Xunta na provincia da Coruña iniciará estes días 6 obradoiros de emprego mozo para menores de 30 anos cun orzamento de máis de 2,5 millóns de euros para formar a case un cento de coruñeses.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/10/2023