A Xunta aforrará aos galegos preto de 1.300M€ nesta lexislatura coas rebaixas de impostos

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos explicou hoxe que a Xunta ten un modelo de rebaixas fiscais xa consolidado en máis dunha década cunha senda propia que se reforza ano a ano en cada orzamento

Santiago de Compostela, 4 de outubro

A Xunta aforrará aos galegos e ás galegas preto de 1.300 millóns de euros nesta lexislatura coas baixadas de impostos. Así o explicou esta mañá o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos nunha rolda de prensa na que deu conta das rebaixas fiscais postas en marcha polo Goberno galego nos últimos anos.

 

O Executivo autonómico ten un modelo xa consolidado en máis dunha década, cunha senda propia que se reforza cada orzamento. Un modelo que non sube impostos e que os baixa en todo o que se pode sen afectar ao Estado de Benestar. Así, a Xunta leva anos demostrando que é posible baixar impostos, mellorar os servizos públicos e cadrar as contas ao mesmo tempo.

 

Principais baixadas de impostos

En materia do Imposto da Renda das Persoas Físicas (IRPF), a Xunta aprobou catro rebaixas do tramo autonómico nos últimos nove anos co obxectivo de favorecer de maneira especial ás rendas medias e baixas. Máis de 1,6 millóns de contribuíntes xa se beneficiaron destas medidas na actual lexislatura.

Estas baixadas permitiron que na pasada campaña da renda –correspondente ao ano 2022- de media cada contribuínte galego pagase 476 € menos de IRPF que no ano 2009, e que Galicia sexa na actualidade a terceira comunidade autónoma con mellor tratamento fiscal para as rendas de ata 20.200€ nos tres primeiros tramos autonómicos.

No relativo ao Imposto de Sucesións e Doazóns, Galicia está entre as comunidades autónomas con mellor tratamento fiscal neste imposto para os familiares directos, pois o 99,9% deste tipo de herdanzas xa non tributan.

 

O mesmo tratamento fiscal reciben os herdeiros directos que deciden facer un pacto sucesorio, é dicir, as chamadas herdanzas en vida. No referente ás sucesións entre irmáns, a Xunta dobrou o importe exento de tributar, que pasou de 8.000 a 16.000€ para que cinco de cada dez herdanzas deste tipo non teñan que pagar nin un só euro. En total, máis de 464.000 persoas beneficiadas.

En canto ao Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP) para o apoio á compra de vivenda habitual, a Xunta implantou unha baixada do tipo xeral (do 10% ao 9%); unha baixada xeral con límite de patrimonio ao 7%; baixouno ao 6% por adquirir un inmoble en Zonas Pouco Poboadas (ZPP); ao 5% para a adquisición dunha vivenda habitual con límite de patrimonio en zonas ZPP; e aprobou unha baixada ao 3% para as familias numerosas, persoas con discapacidade, menores de 36 anos e vítimas de violencia de xénero que adquiran a súa vivenda habitual.

 

Neste ámbito, Galicia é das comunidades de España na que menos impostos pagan os menores de 36 anos, as persoas con discapacidade, as persoas vítimas de violencia de xénero e as familias numerosas que compren una vivenda usada para ser a súa residencia habitual. Os beneficiarios de todas estas medidas na lexislatura vixente superan os 169.500.

 

Finalmente, o Goberno galego tamén puxo en marcha o novidoso Programa de Impostos Cero no rural. Galicia foi pioneira en España en aprobar baixadas de impostos específicas para o medio rural co obxectivo de favorecer a fixación de poboación no rural e a posta en marcha de novas iniciativas empresariais.

 

Neste marco, eliminouse o ITP para as familias numerosas, persoas con discapacidade, menores de 36 anos e vítimas de violencia de xénero; e eliminouse tamén para as transmisións de solo rústico, as transmisións totais ou parciais de explotacións agrarias e para as agrupacións de fincas rústicas. Nesta lexislatura xa se beneficiaron máis de 99.800 persoas deste programa.

Ano 2023

En concreto, no ano 2023 adoptáronse no IRPF unha serie de medidas (con efectos desde o 1 de xaneiro de 2022) como son a deflactación con carácter retroactivo dos tres primeiros tramos do IRPF; a minoración do tramo máis baixo; ou o aumento dos mínimos persoal e familiar. Estas medidas están a beneficiar con máis intensidade ás rendas máis modestas e unidas ás rebaixas xa previstas no 2022 supuxo un aforro na pasada campaña da renda de 128M€.

 

Aprobouse unha rebaixa do tipo aplicable ao tramo autonómico máis baixo do IRPF, pasando do 9,4 ao 9% para beneficiar de novo ás rendas máis baixas, nas que se sitúan o 44% dos declarantes; deflactouse ao 4,3% a tarifa aplicable aos tres primeiros tramos da escala autonómica, onde se encontran o 88% dos declarantes; e incrementouse o mínimo persoal e familiar na mesma porcentaxe do 4,3%.

Data de actualización: 04/10/2023