A Xunta propón a Manuel Pérez Álvarez como presidente do Consello Económico e Social de Galicia

Despois de trasladarlle esta proposta a todas as organizacións sindicais e empresarios e ao resto de asociacións e entidades representadas no pleno do organismo consultivo, o nomeamento corresponde ao presidente da Xunta, tras a comparecencia do candidato no Parlamento

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2023 A Xunta de Galicia propón a Manuel Pérez Álvarez como novo presidente do Consello Económico e Social de Galicia (CES), en substitución de Agustín Hernández.

Despois de trasladarlle esta proposta ás organizacións sindicais e empresariais, e ao resto de asociacións e entidades representadas no pleno do CES, o conselleiro de Facenda e Administracións públicas, Miguel Corgos; e a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, elevarán esta proposta conxunta para ocupar a presidencia deste organismo consultivo da Xunta en materia socioeconómica.

O nomeamento corresponderá ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, unha vez se produza a comparecencia do candidato proposto ante o Parlamento galego, como establece a lexislación autonómica.

Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago e pertencente na súa etapa laboral ao corpo de Inspectores de Traballo, Manuel Pérez Álvarez (3 de decembro de 1946) ten un amplo coñecemento da administración local, autonómica e comunitaria, xa que foi conselleiro de Traballo e Asuntos Sociais do Goberno galego (1989-1995), alcalde de Vigo (1995-1999) e membro do Parlamento Europeo (1999-2004). Da súa etapa como conselleiro no Goberno de Manuel Fraga destaca a súa participación na posta en marcha da Renda de Inclusión Social (RISGA).

Á fronte do Consello Económico e Social de Galicia, corresponderalle presidir este foro permanente de diálogo e deliberación entre a sociedade civil e a Administración autonómica. O CES desenvolve, ademais, un importante papel na elaboración de estudos e informes con propostas para impulsar as políticas públicas dos diferentes sectores de actividade representados, como a economía, fiscalidade, emprego e seguridade social, agricultura e pesca, educación e cultura, consumo, medio ambiente, transporte e comunicación, industria e enerxía, vivenda ou integración europea.

Data de actualización: 04/10/2023