A Xunta pon en valor os produtos hortofrutícolas galegos na feira Fruit Attraction, en Madrid

O director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, estivo presente hoxe na inauguración desta feira en IFEMA

Seis empresas galegas e os consellos reguladores da IXP Pataca de Galicia e o de Castaña de Galicia participan nesta mostra

Madrid, 3 de outubro de 2023

O director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visitou hoxe a feira Fruit Attraction que se está a celebrar en IFEMA (Madrid), na que está presente a Consellería de Medio Rural para promocionar o sector hortofrutícola galego ata este xoves, día 5.

 

Cabarcos asistiu á inauguración oficial desta feira, á que tamén acudiu o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación en funcións, Luis Planas. O director da axencia remarcou nesta xornada a riqueza e calidade dos produtos expostos no espazo que a Xunta ten nesta feira, na que están presentes os consellos reguladores da IXP Pataca de Galicia e o de Castaña de Galicia. Ademais, as empresas Naiciña-Miguel Areán, Hortoverín, Galifresh, Legufrut Agro, Horsal e Hortícolas Galegas acompañan á Axencia Galega de Calidade Alimentaria no expositor.

 

A Xunta mantén o seu compromiso pola calidade e a presenza neste tipo de feiras, o que tamén se verá reforzado coa nova Lei da calidade alimentaria de Galicia que busca dotar aos produtos alimentarios galegos dunha nova dimensión no mercado, máis competitiva e atractiva.

 

O director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria de Galicia trasladarase mañá ata Valencia, onde participará na feira Iberflora. Nela, a Xunta conta dende hoxe cun expositor ata o remate da mostra este xoves, no que oito empresas galegas de planta ornamental amosan o seu traballo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/10/2023