A Xunta e a Fegamp acordan axilizar o traballo da comisión técnica para a delimitación das competencias autonómica e local

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o presidente da Fegamp, Alberto Varela, puxeron en común as conclusións das dúas propostas co obxectivo de chegar a acordos sobre a prestación de servizos no eido local e celebrar un novo encontro a próxima semana

 

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2023

O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe xunto co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, nunha reunión con representantes de ambas institucións para avaliar os seus estudos e clarificar as competencias das administracións autonómica e local.

 

No encontro de hoxe, ao que tamén asistiron a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e os vicepresidentes da Fegamp, Carlos Martínez e Secundino García, abordáronse as conclusións dos estudos da Xunta -o Estudo sobre a delimitación competencial no ámbito da Administración Local de Galicia, elaborado no marco dun acordo coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) e presentado o pasado decembro- e o realizado pola Fegamp, e acordouse axilizar e darlle un impulso o traballo levado a cabo ata agora neste ámbito.

 

Tras a constitución da comisión técnica, xa se celebrou en xullo unha segunda reunión sobre asuntos relacionados con urbanismo, medio ambiente urbano e augas e prevese a celebración dun novo encontro a próxima semana e co obxectivo ademais de tentar acadar antes de fin de ano algún acordo nalgunha das áreas que se están a abordar.

 

A Xunta avoga pola importancia de avanzar e dar pasos para chegar ao máximo acordo posible na maioría dos ámbitos. Trátase de, primeiro, valorar que competencias debe asumir cada administración e en que parte -Xunta, Goberno central, deputacións provinciais e entidades locais- e de forma rigorosa avaliar se cada unha está a asumir os seus compromisos, así como cuantificar canto custa a prestación de cada servizo e os recursos dispoñibles -en Galicia de media as contías son máis elevadas pola dispersión e o envellecemento da poboación-. En definitiva, a través desta comisión búscase evitar duplicidades coa finalidade última de garantir unha prestación eficiente dos servizos públicos.

 
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/10/2023