Galicia contará cunha oficina de captación de fondos europeos para a investigación, innovación e modernización do sector mineiro

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, asistiu hoxe á presentación deste novo instrumento impulsado pola Xunta de Galicia e a Cámara Oficial Mineira de Galicia co que se pretende lograr fondos europeos, prestar apoio na súa xestión e identificar proxectos tractores para a Comunidade

Enmárcase nas iniciativas da Axenda Galega de Impulso da Minería Sustentable 2030 para que esta industria contribúa á modernización das principais cadeas de valor, garantindo unha transición ecolóxica e dixital que se poida abastecer dunha forma sustentable con recursos autóctonos

Vai en liña co anteproxecto de lei de recursos naturais que busca o seu uso racional e compatible co medio ambiente con beneficios económicos e sociais no territorio

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2023 A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, asistiu esta mañá en Santiago á presentación da nova oficina de captación de fondos europeos para a investigación, innovación e modernización do sector mineiro.

Unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia e a Cámara Oficial Mineira de Galicia que ofrecerá asistencia técnica aos axentes desta industria co obxectivo de atraer fondos europeos, prestar apoio na súa xestión e identificar proxectos tractores neste eido para a Comunidade.

Tal e como explicou a conselleira, esta iniciativa enmárcase na Axenda Galega de Impulso da Minería Sustentable 2030, que ten como obxectivo que a minería contribúa á modernización das principais cadeas de valor industriais, garantindo unha transición ecolóxica e dixital que se poida abastecer dunha forma sustentable con recursos autóctonos. Así, aposta pola innovación e modernización tecnolóxica, o fortalecemento humano e a responsabilidade social, así como a integración ambiental.

Neste sentido, lembrou que a nova oficina tamén vai en liña co anteproxecto de Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, pois búscase desenvolver proxectos mineiros e enerxéticos que maximicen os beneficios sociais e económicos ao tempo que se minimizan os impactos ambientais. Así, preténdese un uso racional dos recursos que compatibilice o desenvolvemento de proxectos co respecto medioambiental e, ao mesmo tempo, que os beneficios económicos e sociais das iniciativas queden no territorio.

Lorenzana finalizou agradecendo á Cámara a súa colaboración para conseguir un sector extractivo máis moderno e competitivo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/10/2023