A Xunta apoia con máis de 150.000 € a creación de dez novas prazas de docente clínico relacionadas con sete especialidades médicas

Na actual lexislatura, a Xunta apoiou a creación de 20 prazas co fin de promover a participación na docencia clínica do Grao de Medicina de profesionais das diferentes áreas sanitarias

Por primeira vez, o alumnado da Facultade de Medicina de Santiago de Compostela conta cun profesor que imparte clase teórica de medicina de familia

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2023 O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a promoción da participación na docencia clínica do grao en medicina de profesionais das diferentes áreas sanitarias.

Neste acto, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego remarcou que, co obxecto de reforzar a docencia clínica do Grao de Medicina, creáronse dez novas prazas de profesor asociado, cunha achega por parte da Xunta de 152.704 euros, repartidos en catro anualidades dende o ano 2023 ao 2026. Mediante esta vía, durante os vindeiros tres cursos académicos, o Goberno galego dotará con novas prazas de docente asociado a un total de sete especialidades médicas.

Este novo convenio, -subliñou o conselleiro-, “dá continuidade á liña de colaboración iniciada no ano 2020 entre o Sergas e a USC”, e na que, cun investimento de 70.000 euros, o departamento sanitario galego dotou con 8 novas prazas de profesor asociado aos centros hospitalarios das áreas sanitarias de Ferrol e de Pontevedra-Salnés, ademais dos centros de atención primaria da área de Santiago de Compostela e Barbanza.

Ademais, grazas á resolución conxunta entre o Servizo Galego de Saúde e a USC, convocouse un concurso público para a provisión de dúas novas prazas de profesorado contratado doutor vinculadas ás institucións sanitarias.

Pola súa parte, o reitor sinalou que “a USC ten a única facultade de Medicina de toda Galicia, e isto esixe que esteamos totalmente comprometidos na formación dos profesionais sanitarios da nosa comunidade autónoma”. Segundo Antonio López, “hoxe somos a facultade de Medicina que máis alumnos admitimos en primeiro de toda España e iso é froito dese compromiso no que nos sentimos moi arroupados pola Consellería de Sanidade e polo Sergas”. “Temos que aproveitar todo o potencial do sistema sanitario galego para formar profesionais sanitarios”, dixo en relación á ampliación a todas as áreas sanitarias da presenza de profesorado universitario na docencia clínica, “peza esencial” para unha boa formación.

Medicina de familia

O conselleiro de Sanidade puxo en valor que esta convocatoria presenta a novidade de que, “por primeira vez, dende este ano o alumnado de Medicina de Compostela conta cun profesor que imparte clase teórica de medicina de familia”, vinculado ao centro de saúde Concepción Arenal. Inclúe tamén unha nova praza de profesor contratado doutor para a área de medicina interna, vinculada ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego tamén remarcou o convenio asinado entre o Sergas e a USC para a colaboración na dotación de prazas de profesorado universitario en Ciencias da Saúde, dotado cunha contía anual por parte da Xunta de 147.400 euros no período 2022-2025, coa finalidade de financiar o custo en cada exercicio de catro prazas de profesor con dedicación a tempo completo.

Tamén sinalou a aprobación, por parte do Consello de Docencia Clínica de Galicia, do aumento do 15 % no número de prazas no grao de medicina.

Comesaña incidiu en que “o Sergas é consciente de que a participación activa dos profesionais sanitarios na docencia e a práctica clínica dos estudantes de medicina supón un estímulo importante para a súa actualización e formación continuada”. Ademais, esta modalidade de ensino, -proseguiu o conselleiro-, “redunda nunha maior satisfacción dos profesionais e nunha mellor atención á cidadanía da rede pública sanitaria galega”.

“Apostar polos profesionais sanitarios que queren contribuír á docencia é unha prioridade para a Xunta”, -dixo Comesaña-, e a eles lles agradeceu que, ademais de cumprir co seu labor asistencial, tamén colaboren na docencia e na formación.

Potenciación da calidade do ensino

Para rematar a súa intervención, o conselleiro sinalou que “o Sergas e a USC teñen como estratexia conxunta potenciar a calidade do ensino teórico e práctico para as disciplinas integradas no eido das Ciencias da Saúde, tanto pola especificidade das mesmas, como pola necesidade de que esta formación se integre nas estruturas e servizos do sistema sanitario público”.

No acto de hoxe, celebrado na Facultade de Medicina, tamén estiveron presentes a xerente do Sergas, Estrella López-Pardo; o vicerreitor de Profesorado, Ernesto Xosé González Seoane; o decano da Facultade de Medicina, Julián Álvarez Escudero; a decana de Enfermería, Ana Isabel Silveira Rodríguez; e a vicexerente do Sergas, Carmen Balboa.

Data de actualización: 03/10/2023