O presidente do Goberno galego visitou o concesionario Rodosa no municipio pontevedrés de Nigrán

Rueda anuncia unha rebaixa no imposto de transmisión de vehículos de segunda man e a súa eliminación no caso dos eléctricos clasificados como “0 emisións”

Apunta que serán mínimo unhas 60.000 transmisións as beneficiadas, cun impacto económico duns 5 M€
 

Salienta que con esta medida Galicia pasará a ser a comunidade co tipo máis reducido para a transmisión de vehículos
 

Encadra esta iniciativa dentro do modelo fiscal propio da comunidade, que ten aforrado aos galegos e galegas “máis de 1.200 millóns de euros” nesta lexislatura
 

Nigrán (Pontevedra), 3 de outubro de 2023

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que en 2024 a Xunta baixará nun 60 %  o imposto de transmisións dos vehículos de segunda man —ao reducilo dun 8% ao 3%— á vez que se eliminará completamente nos casos dos eléctricos cualificados de cero emisións. 

“Son rebaixas que se fan con sentidiño e teñen un impacto positivo na vida da xente”, defendeu sobre este anuncio, realizado durante a visita ao concesionario de Rodosa, no municipio pontevedrés de Nigrán. Rueda considerou que esta medida non só é un “bo estímulo” para que a xente se anime a realizar este tipo de operacións concretas, senón para dar un “empurrón” ao consumo en xeral entre as familias galegas no actual contexto de inflación. 

O mandatario galego apuntou que, segundo os cálculos que manexa a Xunta, será “mínimo de 60.000 transmisións de vehículos” as se beneficiarán desta rebaixa fiscal, que suporá un impacto económico duns 5 millóns de euros. Ademais, salientou que, con esta medida, “Galicia pasará a ser a comunidade autónoma co tipo máis reducido para a transmisión de vehículos”.  

Con esta iniciativa a Xunta ocúpase de tres cuestións fundamentais no actual contexto socieconómico, xa que axuda as familias nun contexto inflacionista; potencia a mobilidade sustentable e políticas medioambientais deixando ao 0 % o imposto cando se trate de vehículos non contaminantes; e aporta medidas que axudan a dinamizar a venda e adquisición de vehículos usados 

Máis de 1.200 millóns de euros aforrados aos galegos nesta lexislatura

O presidente galego enmarcou esta nova medida no modelo fiscal propio que ten Galicia, que se basea en non subir impostos, baixalos sempre que se poidan e facelo sen afectar ao Estado de Benestar. De feito, segundo os cálculos do Goberno galego, Rueda destacou que nesta lexislatura aforraranse aproximadamente “máis de 1.200 millóns de euros” aos galegos e galegas grazas as rebaixas de impostos, ás que agora se sumará esta nova anunciada hoxe. 

Neste senso, o titular do Executivo galego lembrou as catro rebaixas que se fixeron no tramo autonómico do IRPF nos últimos 4 anos, e que se traducen en que cada galego paga preto de 500 euros menos de IRPF que en 2009; a do Imposto de Sucesións e Doazóns; o 99,9 % das herdanzas de familiares directos non tributan en Galicia; o Programa de Impostos cero no rural, pioneiro en toda España; e tamén da equiparación a nivel fiscal de familias de dous fillos con familias numerosas, sendo a primeira CC.AA. que tomou esta decisión. 

“Por aí temos que seguir”, defendeu sobre a senda fiscal practicada pola Xunta. “Somos un Goberno responsable que fai ben as contas para ter un pulmón que permite tomar este tipo de decisións”, concluíu. 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/10/2023