O presidente do Goberno galego comezou coa alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, a rolda de contactos con rexedores das principais cidades galegas tras os comicios municipais

Rueda vincula a implantación da taxa turística en Santiago ao consenso co sector e a que sexa o concello quen a recade

Asegura que ten que ser unha decisión “moi argumentada” e esixe un estudo rigoroso sobre os fluxos turísticos en Santiago que xustifiquen esta decisión

Subliña que no caso de saír adiante, este imposto non sería de aplicación autonómica senón só para Compostela e todo o recadado debe reverter nas zonas máis afectadas pola afluencia turística

Anuncia que a vindeira semana haberá un encontro “técnico” para abordar as melloras na mobilidade ao redor do CHUS durante as obras de ampliación

Salienta que o Consello de capitalidade vaise reunir proximamente para ver se é preciso incrementar a partida que recibe Santiago

Define como “cordial e construtiva” unha reunión na que tamén analizaron medidas para impulsar a vivenda pública, mellorar a rede de saneamento no rural ou solucionar o déficit de taxis

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2023

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, informou hoxe de que a Xunta abre as portas a fixar unha taxa turística en Santiago de Compostela pero sempre e cando se chegue a un consenso co sector e sexa o concello da capital o encargado de recadar este imposto.

 

Así llo trasladou á alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, na que foi a primeira da rolda de reunións con rexedores das principais cidades galegas tras os comicios municipais, e que o líder do Goberno autonómico definiu coma un encontro “cordial, construtivo e operativo”.

 

Rueda asegurou que a decisión de implantar unha taxa turística nunha cidade como Santiago ten que “estar moi argumentada”. Por iso, entre os outros requisitos para que a Xunta inicie a tramitación necesaria para aplicar este novo imposto está realizar un estudo rigoroso sobre os fluxos turísticos que rexistra a capital galega e que xustifiquen a posta en marcha desta taxa. “Hai que ter datos obxectivos sobre a taxa media de ocupación en Santiago durante todo o ano, a afluencia turística, as repercusións que ten no día a día dos residentes na cidade... “, indicou o presidente.

 

Xunta e concello acordaron que este estudo poderá realizarse ao abeiro do Plan de Sustentabilidade Turística de Santiago, dotado de 3 millóns de euros e que se vai prorrogar pola súa baixa execución. Ademais, tal e como resaltou Rueda, o obxectivo da Xunta é que no caso de que finalmente se aplicase unha taxa turística, practicamente a recadación íntegra deberá ser investida en “finalidades turísticas para impactar nas zonas que poidan estar máis afectadas” pola afluencia de viaxeiros.

 

Mellora da mobilidade

Por outra banda, Rueda resaltou os avances realizados entre ambas administracións para mellorar a mobilidade na capital galega. O titular da Xunta anunciou que a vindeira semana vaise celebrar unha reunión “de carácter técnico” para avaliar un estudo sobre as actuacións necesarias para mellorar a mobilidade ao redor do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) mentres que duren as obras de ampliación.

 

A Xunta vai investir 73 millóns de euros en ampliar un 30 % a superficie do CHUS para adaptar este centro hospitalario -que da servizo a 450.000 pacientes- á medicina das vindeiras décadas. A realización das obras implicará unha redución das prazas de aparcadoiro. Na reunión da próxima semana, concello e Goberno autonómico analizarán que medidas debe tomar cada administración para minimizar as molestias aos pacientes e as súas familias durante as obras.

 

Ademais, tal e como informou Rueda, durante o encontro avaliouse o problema de falta de taxis que sofre Santiago en momentos puntuais de gran afluencia turística. O presidente confirmou que o concello vai solicitar máis licenzas definitivas de taxi e que a Xunta avaliará esta solicitude e “se está argumentada tecnicamente” dará luz verde a incrementar o número deste tipo de licenzas en Santiago.

 

Orzamento capitalidade e vivenda pública

Con respecto á demanda de Santiago de que se lle incremente o orzamento de Capitalidade, o presidente da Xunta defendeu que se aborde “con rigor” e de “forma conxunta” no órgano do Consello da Capitalidade que se reunirá proximamente para abordar esta cuestión.

 

Ademais, Rueda e Sanmartin abordaron tamén a problemática do acceso á vivenda e medidas para aumentar o parque de vivenda pública na capital galega. En concreto, analizaron a necesidade de que o concello ceda algún terreo para construír vivenda protexida, logo de que a parcela de titularidade da Xunta na rúa Xoán XXIII -ao carón da biblioteca Ánxel Casal- non pode destinarse a ese uso segundo o PXOM. Ambas administracións acordaron que a Xunta cederá esa parcela ao concello para habilitar zonas verdes e, a cambio, o consistorio habilitará novos terreos para que o Executivo autonómico constrúa vivenda de promoción pública.

 

Por último, a Xunta instou ao concello a que lle remita unha proposta de convenio -como xa fixeron outros municipios- para colaborar nas melloras necesarias na rede de abastecemento e saneamento nas zonas rurais do concello de Santiago.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/10/2023