A Xunta referendará a súa aposta pola calidade nas feiras de Fruit Attraction e Iberflora, en Madrid e Valencia

Estas citas especializadas celebraranse dende mañá, 3 de outubro, ata o xoves, 5 de outubro
 

O director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visitará o expositor que a Xunta terá nestas dúas mostras, e que contarán coa presenza, en total, de 14 empresas galegas ademais das IXP Pataca de Galicia e Castaña de Galicia
 

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2023

A Consellería de Medio Rural, a través da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, estará presente esta semana nas feiras de Fruit Attraction e Iberflora, que se celebrarán respectivamente en Madrid e Valencia dende mañá, 3 de outubro, ata o xoves, 5 de outubro, para promocionar os sectores hortofrutícola e o das plantas ornamentais galegos.

 

O director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visitará o expositor que a Xunta terá en ámbalas dúas feiras. Mañá estará en IFEMA, onde se levará a cabo Fruit Attraction, e o mércores trasladarase ata Valencia, onde a Xunta participa en Iberflora.

 

Presenza de empresas galegas

Na mostra Fruit Attraction estarán presentes seis empresas do sector hortofrutícola galego, xunto cos consellos reguladores da IXP Pataca de Galicia e o de Castaña de Galicia. Pola súa banda, en Iberflora, oito empresas galegas de planta ornamental acompañarán á Axencia Galega de Calidade Alimentaria.

A presenza nestas feiras forma parte da aposta da Xunta pola calidade -e que verase reforzada coa nova Lei da calidade alimentaria de Galicia, que busca dotar aos produtos alimentarios galegos dunha nova dimensión no mercado, máis competitiva e atractiva- xunto ao compromiso con sectores produtivos absolutamente referenciais para o agro galego.

Data de actualización: 02/10/2023