O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou na inauguración do XI Congreso Internacional Conxemar-FAO

Galicia lidera os procesos a escala mundial para adaptar a industria dos produtos do mar a un mercado en continuo cambio e ás demandas dos consumidores

O titular de Mar apostou por continuar o camiño que se marcou na folla de ruta da Xunta en apoio do sector que permitiu reforzar o papel da autonomía como gran potencia pesqueira da Unión Europea

Salientou a honra que para a comunidade supón estar asociada á FAO, institución que lidera o esforzo internacional para lograr a seguridade alimentaria e garantir o acceso regular a alimentos dunha altísima calidade

Vigo, 2 de outubro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, resaltou hoxe en Vigo o liderado a escala mundial das empresas galegas da industria dos produtos do mar á hora de adaptarse ás necesidades dun mercado en continuo cambio e ás demandas dos consumidores. Nesta liña, destacou o labor esencial do sector pesqueiro como subministrador de alimentos de calidade á cidadanía e tamén o seu papel como peza fundamental para a economía de Galicia.

Así o expuxo na inauguración do XI Congreso Internacional Conxemar-FAO, onde estivo acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta. Alí o titular de Mar puxo en valor a relevancia deste foro que se converteu ao longo da última década no escenario de referencia á hora de analizar os retos de presente e de futuro do sector da transformación dos produtos da pesca. Un encontro que é a antesala á celebración da XXIV edición da feira Conxemar, que reforza a Vigo como capital europea da industria pesqueira dos conxelados.

O conselleiro sinalou que a folla de ruta marcada pola Xunta de Galicia en apoio ao sector permitiu reforzar o papel da comunidade autónoma como gran potencia pesqueira europea, ao desembarcar o 11% do produto fresco da UE, mentres que os seus cultivos mariños representan o 14 %. En materia de facturación destacou que representa o 4,5% do total dos 27 Estados membros e no terreo das exportacións bateuse o récord histórico o ano pasado ao acadar os 2.700 millóns de euros en produtos da pesca e a conserva.

Toda esta actividade, recalcou Alfonso Villares, ten un alto impacto no conxunto da economía galega, ao involucrar ao 91% das ramas empresariais, tal e como reflicten as últimas Táboas input-output da pesca-conserva galega. Esta ferramenta na que a Xunta leva anos apoiándose para medir o peso real da actividade do complexo mar-industria, continuou o representante autonómico, confirma unha tendencia positiva que situou o valor total da produción e comercialización de Galicia en preto de 9.000 millóns de euros.

O titular de Mar apostou por continuar a sumar esforzos entre todos na promoción, posta en valor e difusión das potencialidades duns peixes, conservas e transformados que son claves para unha alimentación adecuada, saudable e sustentable. Un camiño, subliñou, que aumentará tamén o valor do mar en Galicia.

Importante alianza con Nacións Unidas

No seu discurso Alfonso Villares reiterou en varias ocasións a honra que supón para Galicia estar asociada á Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación, FAO, unha institución da que, dixo, lidera o esforzo internacional para lograr a seguridade alimentaria e garantir o acceso regular a alimentos dunha altísima calidade.

O conselleiro agradeceu o compromiso polo sector pesqueiro galego da FAO e a súa defensa nos últimos tempos do bo facer en materia de loita contra a pesca ilegal do Porto de Vigo, o máis importante de Europa en comercialización de peixe para consumo humano. Tamén puxo en valor a posibilidade de que a cidade olívica acabe acollendo a oficina para a Rede Global de Portos Azuis da FAO, o que constituiría un novo fito no camiño para elevar, unha vez máis, o peso do conxunto de Galicia no mapa mundial da pesca e da  alimentación.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 02/10/2023