O presidente da Xunta participou na Mesa autonómica: 40 anos de autonomías. Retos e oportunidades do ‘III Premio Foro La Toja Josep Piqué-Vínculo Atlántico’

Rueda salienta a importancia dun financiamento autonómico que respete a igualdade entre as comunidades e dunha cogobernanza real nos fondos europeos

Defende un diálogo multilateral para seguir reforzando o modelo do Estado das Autonomías “que segue tendo plena vixencia”

Afirma que é “moi grave” que fallase a cogobernanza na xestión dos Fondos europeos e insta ao Goberno central a levar a cabo melloras

O Grove (Pontevedra), 30 de setembro de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a importancia de contar cun financiamento autonómico que respecte o principio de igualdade entre todas as comunidades autónomas e, polo tanto, entre todos os cidadáns, vivan onde vivan, e de que se leve a cabo unha cogobernanza real nos fondos europeos que permita un maior aproveitamento dos recursos.

Así o manifestou na súa participación xunto cos presidentes de Castela A Mancha, Emiliano García Page, e do Goberno de Canarias, Fernando Clavijo, na Mesa autonómica: 40 anos de autonomías. Retos e oportunidades, que se celebrou no marco do III Premio Foro La Toja Josep Piqué-Vínculo Atlántico.

Na súa intervención, Rueda advertiu que o Estado das Autonomías “segue tendo plena vixencia” e que debe seguir “medrando en condicións de igualdade, coa base da Constitución”, que permitiu un “desenvolvemento harmónico” ao longo de catro décadas.

“A igualdade é fundamental e, a partir de aí, a libre competencia, pero entre iguais e en condicións de igualdade, e nada debe estar por enriba diso”, aseverou o presidente da Xunta.

O mandatario galego destacou os tres principais retos do actual modelo autonómico: o financiamento autonómico, a igualdade entre todos os territorios e a cogobernanza real. Precisamente, sobre este último alertou que non se pode garantir un correcto funcionamento do Estado das Autonomías sen unha necesaria coordinación entre as administracións central e autonómica e se non se escoita as comunidades.

Rueda puxo o acento na importancia do financiamento autonómico para o reforzo do modelo actual, que supón  o  80 % dos recursos anuais para xestionar competencias claves para o benestar da cidadanía, como a sanidade, educación ou servizo sociais.

Nesta materia, as prioridades de Galicia son contar con recursos suficientes para repartir e financiar estas competencias; que se teña en conta o custo nos servizos polo envellecemento da poboación e a dispersión territorial; e que se estableza un financiamento con perspectiva de futuro para que atenda a previsible alza do gasto público en materia sanitaria, de servizos sociais ou educación.

Cogobernanza real

Rueda defendeu o diálogo multilateral e o establecemento de mecanismos de cogobernanza “real e efectiva” para seguir reforzando o modelo actual do Estado das Autonomías.

O mandatario puxo como exemplo de “fracaso da cogobernanza” a xestión dos Fondos europeos realizada por parte do Goberno central, ao que instou a facer o posible por mellorar as vías para que as axudas cheguen aos destinatarios. Asegurou que estas partidas dos Next Generation están chamadas a ser unha oportunidade transformadora para todos os territorios, e que “é moi grave” que se fallase nun asunto tan relevante.

Neste senso, amosouse crítico con cuestións coma a petición de condonación da débeda por parte de algunhas comunidades. Contrapuxo que Galicia é un “autonomía cumpridora” e esgrimiu que a nosa comunidade é “unha illa de tranquilidade” no panorama actual.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/09/2023