Augas de Galicia impulsa ferramentas de intelixencia artificial para mellorar a información ao cidadán e para crear un xemelgo dixital dos ríos da conca hidrográfica

A Xunta convida ás empresas tecnolóxicas, universidades e centros de investigación a presentar propostas innovadoras para desenvolver ao abeiro do proxecto AugaTech, que conta cun orzamento de 5 M€

Promóvese unha primeira liña de traballo para crear ferramentas tecnolóxicas coas que resolver en tempo real e de forma personalizada as consultas cidadás

O segundo reto consiste na creación dunha réplica dixital dos ríos da demarcación de Galicia-Costa para mellorar a xestión dos vertidos e a toma de decisións ante fenómenos de seca ou inundacións

As empresas e centros interesados teñen ata o día 25 de outubro para enviar as súas propostas
 

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2023

Augas de Galicia impulsa o desenvolvemento de ferramentas de intelixencia artificial para mellorar a información aos cidadáns e para crear un xemelgo dixital dos ríos da conca hidrográfica de Galicia-Costa.

A Xunta aposta así por potenciar unha administración de auga innovadora co obxectivo de aumentar a transparencia e mellorar a xestión dos recursos hídricos fronte ao cambio climático.

Augas de Galicia vén de iniciar o procedemento de consulta preliminar ao mercado, mediante a que convida a empresas, universidades e centros de investigación a propoñer solucións novidosas coas que mellorar o funcionamento da administración hidráulica mediante tecnoloxías dixitais de última xeración.

Trátase do progama AugaTech, deseñado por Augas de Galicia cun orzamento de 5 M€ e dúas liñas de traballo diferenciadas.

O primeiro reto pretende crear ferramentas tecnolóxicas que permitan atender en tempo real e de forma personalizada as consultas cidadáns sobre a auga, tanto sobre os recursos hídricos dispoñibles e a súa relación co cambio climático como relativos a aspectos normativos e de procedementos administrativos.

O obxectivo é contar, ademais, con instrumentos que fagan posible acceder a información sectorial sobre a auga de forma avanzada e personalizada, con visores e cadros de mando xerados en tempo real.

Por último, preténdese desenvolver técnicas para identificar e analizar as tendencias en internet vinculadas ás competencias de Augas de Galicia para xerar recomendacións automatizadas.

O segundo reto de AugaTech é a creación dun xemelgo dixital da conca hidrográfica que permita realizar simulacións e avaliar escenarios para mellorar a xestión de vertidos ou os usos do solo.

A través desa réplica dixital, parcial ou total, de cada río da Demarcación de Galicia-Costa poderase afondar no estudo das presións principais que soportan os ecosistemas fluviais: verteduras, usos do solo, vexetación de ribeira.

O xemelgo dixital permitirá, ademais, proxectar escenarios de vertidos para avaliar o seu impacto estático e dinámico. Tamén será posible mellorar a información para a toma da decisión ante episodios de seca ou chuvias intensas, relacionados co cambio climático.

As empresas interesadas nesta iniciativa teñen ata o vindeiro día 25 de outubro para enviar as súas propostas a Augas de Galicia.

Data de actualización: 30/09/2023