Máis de 2.500 persoas participaron este verán na actividade de mergullo organizada no Parque Nacional das Illas Atlánticas

A iniciativa, na que colabora a Xunta, ofreceu a posibilidade de coñecer os fondos mariños deste espazo natural de xeito único, ademais de promover a conciencia ambiental sobre a contorna

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2023

A Xunta colaborou nunha actividade de mergullo no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, que contou este verán coa participación de máis de 2.500 persoas. Concretamente, ao redor de 1.700 exploraron os fondos de Cíes, unhas 370 os de Sálvora, preto de 300 os de Ons e algo máis de 100 fixeron o propio en Cortegada.

Así mesmo, cabe destacar que en torno a un 30 % das persoas que deciden somerxerse nesta aventura son estranxeiras, polo que se trata dun atractivo turístico que achega de forma directa o valor natural do parque aos seus visitantes internacionais. Neste senso, tamén é interesante subliñar que a idade media dos participantes foi de 20 anos, xa que se trata dunha práctica que resulta especialmente atractiva para a mocidade.

Por outra banda, cómpre facer fincapé nos beneficios que o snorkel trae ao parque. O labor de divulgación que cumpre contribúe á implicación activa dos visitantes na protección do ecosistema. Máis alá da práctica deportiva, a experiencia xira entorno á educación ambiental e á posta en valor e coidado do tesouro natural que supoñen as Illas Atlánticas.

Así, a experiencia, cuxa popularidade é maior cada ano, no só permite explorar o ecosistema mariño dunha forma diferente, senón que ademais é unha práctica responsable co entorno natural que promove o seu coidado e preservación. Entre as modalidades que abarca, a preferida polos visitantes é o mergullo con escafandra autónoma.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/09/2023