A Xunta imparte un curso para a formación de asesores sobre explotacións de vacún de carne en extensivo
Mañá comeza no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo un novo módulo deste itinerario formativo
Trataranse cuestións relacionadas coa alimentación deste tipo de gando, o seu cebo, características e atributos da súa carne e incluso as instalacións de manexo
Mañá arranca un novo curso para a formación de asesores, neste caso, sobre explotacións de vacún de carne en extensivo. Esta acción formativa, organizada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, dividirase en cinco sesións nos días 2, 11, 23, 25 e 31 de outubro no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).
Nestes encontros trataranse cuestións relacionadas co vacún de carne en Galicia, a súa alimentación, o cebo, as características e atributos da súa carne, as instalacións gandeiras ou o manexo reprodutivo. Ademais, faranse visitas a diferentes explotacións nas que os asistentes poderán comprobar en primeira persoa o funcionamento do aprendido.
Os relatorios estarán impartidos por expertos no sector e están dirixidas a persoal técnico e asesor adscrito tanto da Consellería do Medio Rural como das entidades de asesoramento colaboradoras. Cabe sinalar que estas accións formativas están enmarcadas dentro do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.