Hoxe remata a tempada de alto risco de incendios forestais pero mantense a prohibición de realizar queimas agrícolas e forestais ata novo aviso

Tendo en conta a variabilidade das previsións do tempo para os vindeiros días, non se concederán comunicacións nin autorizacións

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2023

A Consellería do Medio Rural informa de que hoxe remata a tempada de alto risco de incendios forestais na nosa comunidade. Porén, as queimas de restos agrícolas e forestais amoreados seguirán prohibidas en Galicia ata novo aviso, tendo en conta a variabilidade das previsións meteorolóxicas para os vindeiros días.

Polo tanto, non se concederán comunicacións nin autorizacións para realizar ditas queimas. Insistimos en que, ata novo aviso, non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal. 

A decisión tomouse tendo en conta que a normativa –Decreto 105/2006, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais– prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas así o estimen.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/09/2023