A Xunta de Galicia prestará apoio a oito pemes tecnolóxicas que mobilizarán máis de 3 M€ en innovación

A Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación, acaba de resolver a terceira edición da convocatoria do programa Neotec

Das oito empresas beneficiarias, tres son de fóra e trasladarán a súa sede a Galicia

Na execución dos seus plans de negocio participarán 33 persoas, 22 de nova contratación, e todas colaborarán con organismos de I+D+i de Galicia e empresas vencelladas a tecnoloxías facilitadoras galegas

Cunha axuda total de preto de 2,4 millóns de euros, apoiaranse os plans de negocio de empresas tecnolóxicas de recente creación que prevén a comercialización de produtos innovadores e avaliadas positivamente polo programa Neotec do CDTI pero non resultaran beneficiarias por insuficiencia de crédito deste organismo estatal
 

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2023

A Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, acaba de resolver a terceira edición da convocatoria do programa de recuperación de excelencia Neotec. Esta iniciativa apoiará os plans de negocio de oito compañías tecnolóxicas de recente creación que prevén a comercialización de produtos e servizos cun claro compoñente innovador e que foron avaliadas favorablemente polo programa Neotec e Neotec Mulleres do Centro para el Desarrollo Tecnológico y la Innovación (CDTI) do Ministerio de Ciencia e Innovación, pero non resultaron beneficiarias por insuficiencia de crédito do organismo estatal. 

Cunha axuda total de 2,39 millóns de euros, estes proxectos intensivos no uso de tecnoloxías ou coñecementos desenvolvidos a partir da actividade investigadora mobilizarán máis de 3 millóns de euros en innovación ata 2025. No impulso destes plans de I+D participarán 33 persoas, das que 22 serán de nova contratación e, destas, 11 serán mulleres. Ademais, estas compañías prevén multiplicar por tres os seus cadros de persoal no horizonte do ano 2026. Todas elas colaborarán con organismos de I+D+i de Galicia ou empresas vinculadas a tecnoloxías facilitadoras galegas.

Cabe salientar que tres das pemes beneficiarias proceden de fóra de Galicia (dúas de Madrid e unha de Barcelona) e agora trasladarán a súa sede a Galicia. Ademais, cinco dos plans de negocio levaranse a cabo en concellos rurais ou pouco poboados e catro realizarán a actividade en concellos emprendedores. Por provincias, cinco desenvolveranse en Pontevedra, dous na Coruña e un en Lugo.

Por sectores, hai dúas TIC, dúas do sector aeroespacial, e cadansúa dos sectores da biotecnoloxía, industria, enerxía e agroalimentario. Por tamaño, catro delas son microempresas e catro pequenas.

Estas axudas cobren todas as actuacións dos plans de negocio das compañías durante os próximos tres anos (2023-2025) e financian ata o 85 % do orzamento da actuación, cun importe máximo de apoios de 325.000 euros por beneficiario. En edicións anteriores desta convocatoria, a Xunta de Galicia apoiou a 25 empresas cos rescates que se puxeron en marcha desde 2021, sumando coa edición actual 33 pemes innovadoras.

A iniciativa enmárcase tanto na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia como na Axenda Startups da Xunta de Galicia, que busca facilitar a creación, consolidación e implantación deste tipo de iniciativas en Galicia a través dun marco de incentivos económicos, ao mesmo tempo que contribúe á creación dun ecosistema favorable para o seu desenvolvemento. Así, esta iniciativa contribúe ao fortalecemento do emprendemento innovador e acelera a transferencia de coñecemento ao mercado desde organismos de investigación públicos e universidades.

As compañías apoiadas son:
  • Nanocel Technology, S.L.: Consolidación e explotación de produtos baseados en nanocelulosa para aplicacións de alto valor engadido.
  • IECO Desarrollo Digital, S.L.: Desenvolvemento de algoritmos de optimización e automatización do deseño de instalacións fotovoltaicas de autoconsumo e de análise de afeción de sombras locais na xeración de enerxía solar.
  • UARX SPACE, S.L.: Scaleup de UARX SPACE. Empresa dedicada ao deseño de misións espaciais e fabricación de satélites de transporte.
  • Sparks, Circuits and Robotics, S.L.: Sense pro, dispositivo IOT para soporte en toma de decisións en agricultura intelixente.
  • Kreios Space, S.L. (Barcelona): Plataforma para o desenvolvemento de sistemas de propulsión autónomos en órbitas VLEO.
  •  Science and Business, S.L. (Madrid): Permite maximizar o valor engadido da acción social empresarial.
  • Cadilla Improvisa App, S.L.: Plan de empresa Improvisapp, startup creada co obxectivo de prestar unha solución de servizos B2C a través do uso intensivo das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC’s).
  • IN2AI Intelligence, S.L. (Madrid): O proxecto propugna un novo estándar que facilite unha xestión máis responsable dos datos, desde o punto de vista social e medioambiental e de sustentabilidade, facilitando a adopción de prácticas que permitan levar a dixitalización sustentable.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/09/2023