A Xunta apoia con 5 M€ a plataforma Innopharma da Universidade de Santiago incrementando a súa capacidade para o descubrimento de fármacos

A directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, Patricia Argerey, participou esta mañá na presentación da ampliación das infraestruturas e equipamento desta iniciativa liderada por Mabel Loza e Ángel Carracedo

Con este financiamento adquiriuse e actualizouse o equipamento científico-técnico da plataforma e creáronse postos de traballo de persoal especializado

Contribúese así a fortalecer o sistema galego de investigación en saúde, a impulsar o talento investigador e a transferencia de coñecemento e a atraer a empresas tractoras e investimento cara a Galicia

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2023

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou esta mañá na presentación da ampliación e actualización da Plataforma de descubrimento de fármacos Innopharma, liderada polos investigadores da Universidade de Santiago de Compostela Mabel Loza e Ángel Carracedo. A Xunta de Galicia achegou 5 millóns de euros nos últimos tres anos, de fondos europeos REACT-UE dentro do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, para a adquisición e actualización do equipamento científico-tecnolóxico e a contratación de persoal especializado.

A directora da Axencia Galega de Innovación destacou a contribución desta ampliación ao aumento das capacidades da Plataforma, que xa está recoñecida como unha das oito Plataformas de Altas Capacidades do Consorcio Europeo de Infraestruturas de Investigación Europea (ERIC EU-Openscreen) e que dispón dunha das quimiotecas máis importantes de España e Europa.

Deste xeito -apuntou- refórzase o sistema galego de investigación en saúde acelerando o proceso de desenvolvemento de fármacos, particularmente en enfermidades non resoltas; impúlsase a retención e atracción de talento investigador cara á Comunidade; poténciase a transferencia de coñecemento e a atracción de empresas e de investimento cara a Galicia.

En definitiva, esta iniciativa enmárcase na aposta da Xunta de Galicia por converter Galicia nun polo de innovación aberta no descubrimento de fármacos, na que se inscriben tamén actuacións como a incubadora de proxectos para o descubrimento de novos fármacos Business Factory Medicines, en colaboración coa Fundación Kaertor, as empresas Lilly e Janssen e a Fundación Científica da Asociación Española contra o Cancro; a participación galega no Plan Complementario de Biotecnoloxía aplicada á Saúde ou a execución da Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía en Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/09/2023