A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presidiu hoxe a reunión do consello do Observatorio de Vivenda de Galicia

A Xunta executou en 2 anos preto do 90% das medidas acordadas no marco do Pacto social pola vivenda e axudou a acceder a un fogar a 9.400 familias

Ángeles Vázquez subliña que as actuacións previstas en materia de solo residencial xa están en marcha e que desde 2021 xa se rehabilitaron máis de 14.400 vivendas

Ademais dos investimentos previstos ata 2025, fai fincapé na importancia da última modificación das normas de habitabilidade, que entrará en vigor o 15 de outubro e facilitará a posibilidade de reconverter baixos comerciais para usos residenciais
 

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2023

A Xunta executou nos dous primeiros anos de vixencia do Pacto social pola vivenda 2021-2025 preto do 90% das medidas e accións programadas en materia residencial en Galicia, facilitando o acceso a un fogar a 9.400 familias a través da concesión de diferentes tipos de axudas tanto para comprar como para alugar.

Esta foi unha das principais conclusións que destacou esta mañá a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, antes de presidir a reunión do consello do Observatorio de vivenda de Galicia, que foi informado, entre outros asuntos, do grao de execución do referido pacto.

Tras lembrar que foi impulsado en xaneiro do ano 2021 coa aprobación e apoio dos principais profesionais do sector e das asociacións de consumidores, a responsable autonómica fixo fincapé no bo ritmo co que se está a desenvolver este paquete de medidas, co que se prevé mobilizar ata 2025 preto de 1.100 millóns de euros.

A modo de exemplo, destacou a execución das actuacións relativas ao eixo de solo residencial, no que xa están en marcha o 100% das medidas, e tamén subliñou as 14.400 vivendas rehabilitadas no período 2021-2022, ademais dos 68 acordos de cooperación con medio cento de concellos para axudalos a financiar a restauración de inmobles de titularidade municipal.

Así mesmo, durante a reunión deuse conta tamén dos principais avances acadados este ano en materia de vivenda. Neste sentido, a vicepresidenta segunda fixo fincapé na recente modificación das Normas de habitabilidade de Galicia, que facilitará e axilizará a reconversión en vivendas de baixos comerciais e entrecháns desocupados ou sen actividade localizados en áreas urbanas.

Tras lembrar que o decreto entrará en vigor o vindeiro 15 de outubro e está sendo recibido “con gran expectación”, Ángeles Vázquez explicou que a Xunta ten previsto realizar unha serie de encontros informativos polas cidades para dar a coñecer os principais cambios introducidos.

Con esta medida, asegurou, contribuirase a aumentar a oferta e a rebaixar os prezos do alugueiro, algo fundamental nun momento de “parón” como este, tal e como lembrou, marcado pola recente aprobación da Lei polo dereito á vivenda estatal e no que “nin promotores nin administracións teñen seguridade” sobre o que vai suceder.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/09/2023