O avance nos traballos de conservación e reforzo de firme na autoestrada A Coruña-Carballo farán necesarios cortes puntuais nos ramais entre o luns e o xoves da vindeira semana

Cumprindo co programa previsto, as intervencións na AG-55 centraranse nos ramais dos enlaces situados no quilométricos: 8 (Sabón), 29 (Carballo este) e 33 (Carballo norte)

As obras estarán debidamente sinalizadas en cada unha das zonas de traballo e para minimizar a afección ao tráfico habilitaranse os correspondentes desvíos

Ademais, o venres 6 de outubro realizaranse traballos de reforzo de firme en carrís de saída e entrada de varios enlaces, que só requirirán o corte na zona de traballo, manténdose a circulación polos carrís adxacentes

Estas intervencións de rehabilitación estrutural do firme están enmarcadas na campaña de mellora que se leva a cabo de forma periódica nesta vía autonómica e na autoestrada do Val Miñor (AG-57) Vigo-Baiona, incluíndo o ramal a Nigrán (AG-57N)

En total, os traballos na autoestrada A Coruña-Carballo comprenden a mellora das características superficiais do firme en 64.900 m2 e estruturais en 29.667 m2

O orzamento das actuacións nestas dúas autoestradas autonómicas rolda o 1,2 M€
 

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2023

O avance nos traballos correspondentes ás obras da campaña de conservación e reforzo do firme na autoestrada autonómica A Coruña-Carballo (AG-55), farán necesario realizar cortes puntuais nos ramais de acceso entre o luns día 2 de outubro e o xoves, día 5.

Seguindo o programa inicial dos traballos, e sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables, durante eses catro días realizaranse traballos nos ramais dos enlaces situados nos puntos quilométricos: 8 (Sabón), 29 (Carballo este) e 33 (Carballo norte), que obrigarán ao corte temporal destes ramais.

Os traballos consistirán no fresado de zonas da capa de rodaxe actual mediante a extensión de formigón bituminoso, cun espesor, tanto do fresado como da reposición, de 6 cm. A superficie destas actuacións ascende a uns 13.300 m2.

Máis en detalle, o luns día 2 de outubro actuarase no enlace Carballo norte, no punto quilométrico 33, tanto no ramal de saída da calzada dereita, como na entrada, na calzada esquerda.

O martes día 3 os traballos centraranse no enlace Carballo norte, no quilómetro 33, no ramal da glorieta.

Nos dous días seguintes os traballos de reforzo de firme centraranse no enlace Carballo-este, no quilómetro 29-peaxe. En concreto, o mércores día 3 actuarase no ramal de saída, na calzada dereita; e ao día seguinte no ramal de entrada, na calzada esquerda. O xoves día 5, tamén se prevé actuar no enlace de Sabón coa A-6, no punto quilométrico 8, no ramal de saída, na calzada esquerda.

As obras estarán debidamente sinalizadas en cada unha das zonas de traballo e para minimizar a afección ao tráfico habilitaranse os correspondentes desvíos.

Ademais, o venres 6 de outubro está previsto realizar os traballos de reforzo de firme en algún carril de saída e entrada de varios enlaces, que só requirirán do corte dos carrís afectados, manténdose a circulación polos carrís adxacentes.

As intervencións no marco desta campaña supoñen a rehabilitación estrutural do firme a través do fresado e reposición con mesturas bituminosas en quente. A actuación execútase no ámbito da planificación da campaña de firmes do ano 2023 que a concesionaria realiza de xeito periódico nas dúas autoestradas autonómicas co obxectivo de optimizar os recursos dispoñibles e garantir a calidade, seguridade e durabilidade dos firmes.

Deste xeito, continúa o desenvolvemento dos traballos previstos na campaña, que tamén se están a realizar desde o pasado mes de xullo na autoestrada do Val Miñor (AG-57) Vigo-Baiona, co inicio a partir desta vindeira semana destes novos traballos na AG-55.

Campaña 2023

Nesta campaña estanse a realizar actuacións de mellora das características superficiais en 64.900 m2 na AG-55 e 181.225 m2 na autoestrada do Val Miñor (AG-57) Vigo-Baiona, incluíndo o ramal a Nigrán (AG-57N). 

Tamén están previstas actuacións de mellora estrutural en 29.667 m2 na AG 55 e 26.334 m2 na AG-57 incluíndo unha campaña de selado de gretas en 5.450 m lineais.

O orzamento estimado da campaña do ano 2023 suma nas dúas autoestradas autonómicas un total de 1,2 M€.

 
Data de actualización: 29/09/2023