A delegada territorial da Xunta en Ferrol achegouse esta mañá aos talleres para escolares que se imparten no CIS Tecnoloxía e Deseño

Martina Aneiros pon en relevancia a celebración das actividades da G-NIGHT á hora de conectar a investigación coas persoas

A representante do Goberno galego compartiu experiencia cos alumnos de seis centros educativos que participaron en varios talleres e espectáculos e se achegaron á realidade virtual e aumentada

Ferrol, 29 de setembro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá no CIS Tecnoloxía e Deseño nas actividades incluídas na programación da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night, un evento de divulgación científica que se fai eco da Noite Europea das Persoas investigadoras que se celebra de forma simultánea en cidade de toda Europa o último venres de setembro.

Aneiros compartiu a mañá con alumnos do CEIP Plurilingüe Centieiras (Fene), IES Ortigueira, CPI As Mirandas (Ares), IES Virxe do Mar (Noia), IES María Casares (Oleiros) e IES David Buján (Cambre), que participaron nos talleres Slim Lab e Exploradores virtuais; no espectáculo Explorando o futuro inmediato, e en experiencias realidade virtual e aumentada, onde tiveron a ocasión de manipular e descubrir novas tecnoloxías vinculadas ao mundo dixital.

“É unha forma lúdica e amena de achegar o traballo das investigadoras e investigadores galegos e as súas repercusións na vida cotiá ás persoas a través de experimentos, talleres ou demostracións”, indicou a delegada territorial, quen tamén destacou a contribución destas propostas “ao fomento das vocacións STEM entre os escolares”.

A Noite Galega das Persoas Investigadoras, que conta co apoio da Xunta de Galicia, celébrase nas sete cidades galegas, está coordinada pola Universidade de Vigo e nela participan as tres universidades da comunidade, varias institucións e centros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/09/2023