A Xunta somete durante un mes a información pública o Plan de xestión do Monumento Natural da Serra de Pena Corneira

Poderase consultar e presentar achegas no portal de transparencia e na web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

Este instrumento de xestión enmárcase na Axenda dos Monumentos Naturais de Galicia, aprobada polo Consello da Xunta o pasado mes de abril

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2023

A Xunta de Galicia someterá ao procedemento de información pública o proxecto de decreto polo que se aproba o Plan de xestión da Serra de Pena Corneira, nos concellos de Carballeda de Avia, Leiro e Avión.

 

Tal e como se recolle no anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia, no prazo dun mes, contado a partir de mañá, poderase consultar toda a documentación no portal de transparencia da Xunta e na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, co fin de que todas as persoas interesadas poidan enviar as súas alegacións ou suxestións preferentemente por correo electrónico ou a través dun escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

 

Con este paso avanza a tramitación do futuro plan de xestión, que se enmarca na Axenda dos Monumentos Naturais de Galicia, ratificada polo Consello da Xunta o pasado mes de abril, e que ten como obxectivo que o 100 % deste tipo de espazos protexidos teñan en marcha os seus instrumentos de planificación este ano.

 

Así, este instrumento de xestión permitirá facer unha diagnose precisa do estado deste espazo natural e dos valores que é necesario protexer e, a través desta recompilación de información, establecer as medidas de planificación e xestión que permitan asegurar o seu mantemento nun estado de conservación favorable.

 

Para acadar ese obxectivo, este instrumento de xestión incluirá a delimitación do seu ámbito de protección; os posibles riscos que poidan afectar aos seus valores naturais; os obxectivos de conservación; as normas de uso e aproveitamento do solo e os recursos naturais; así como as normas relativas ao uso público, así como ás actividades científicas e educativas; a programación de actuacións a desenvolver, e un programa de seguimento.

 

Monumento Natural da Serra de Pena Corneira

Os monumentos naturais son espazos ou elementos da natureza constituídos por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza, que merecen ser obxecto dunha protección especial e, ao mesmo tempo, ten que ser coñecidos pola poboación galega e visitantes que optan por un turismo de natureza.

 

No caso de Pena Corneira, trátase dunha prolongación da serra do Suído que se localiza nos concellos de Carballeda de Avia, Leiro e Avión, na provincia de Ourense. A importancia da zona radica na peculiar xeomorfoloxía deste espazo, na diversidade da composición e cristalización dos granitos que provocou neste macizo, unha evolución da paisaxe caracterizada por formas rochosas. Está caracterizado por unha complexa asociación de formas xeolóxicas que reúnen un interese especial pola singularidade e importancia dos seus valores científicos, culturais e paisaxísticos.

Data de actualización: 29/09/2023