O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, inaugurou hoxe en Pontevedra o 5º Congreso Galego de Adopción e Acollemento, organizado por Manaia

A Xunta avoga por seguir tecendo redes coas entidades e as familias para garantir a protección dos nenos e adolescentes

O director xeral destacou a importancia de traballar neste ámbito poñendo no centro ao menor e coidando os contornos que o acompañan: as familias acolledora, biolóxica e adoptiva

Pontevedra, 29 de setembro de 2023

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, avogou hoxe por seguir “tecendo redes” coas entidades e coas familias para garantir a seguridade e benestar dos nenos e adolescentes, en especial daqueles que máis precisan de apoio. Así o indicou na inauguración do 5º Congreso Galego de Adopción e Acollemento organizado por Manaia, que hoxe se celebrou no Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra.

Jacobo Rey destacou os máis de sete anos que Manaia leva colaborando coa Xunta de Galicia no traballo diario da protección da infancia, a través do programa de preparación, apoio e acompañamento ás familias adoptivas e acolledoras como por medio de múltiples iniciativas polas que xa pasaron máis de 1.100 persoas. Ademais, insistiu na necesidade de traballar neste ámbito poñendo no centro ao neno e coidando os contornos que o acompañan: as familias acolledora, biolóxica e adoptiva. 

Ademais, o director xeral puxo en valor os avances que supoñen a implantación do Valora Galicia, o Manual de Procedemento ou a Guía Xurídica, que aporta á labor dos técnicos dos equipos de menores uns criterios obxectivos e uniformes que afondan na seguridade xurídica das complexas decisións que se afrontan cada día neste campo. 

No congreso déronse cita representantes de entidades que traballan no eido das adopcións e o acollemento, así como profesionais relacionados con este campo. Entre outras cuestións, analizaron as políticas e as prácticas adoptivas, as relacións de parella nas persoas adoptadas, a busca de familias acolledoras, as perspectivas da adopción aberta, a busca das orixes a través de bancos de ADN ou as vantaxes e desvantaxes das redes sociais na internet.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/09/2023