A Xunta continúa avanzando nesta actuación e, no marco da coordinación co proxecto da Cidade de San Caetano, está a realizar algúns axustes que optimizarán a intervención en marcha

A Xunta amplía o alcance das obras de reurbanización da avenida Rodríguez de Viguri prolongando o carril bici ata a zona das Cancelas

Esta ampliación, sumada ao itinerario entre O Milladoiro, a intermodal e San Caetano, completará unha conexión que incluirá o complexo administrativo, a zona de Área Central, o Multiusos do Sar e os hospitais

Na beirarrúa de baixada de Rodríguez de Viguri vaise ampliar o espazo peonil e as bicicletas irán polo carril dereito; e na de subida, mantense o carril bici unidireccional, ata a metade da rúa cara ás Cancelas, onde pasará a ser bidireccional

A Xunta prevé rematar esta intervención en novembro, restando o formigonado das beirarrúas, o novo arborado, as marquesiñas, luminarias e aglomerar a calzada
 

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2023

A Xunta vai ampliar o alcance das obras de reurbanización da avenida de Rodríguez de Viguri de Santiago prolongando o carril bici ata a zona das Cancelas.

A Xunta continúa avanzando nesta actuación e, no marco da coordinación co proxecto da Cidade de San Caetano, está a realizar algúns axustes que optimizarán a intervención en marcha.

Estas adaptacións posibilitarán ampliar a urbanización ata o final do carril segregado que había na glorieta e que agora se elimina.

Así, prolongarase o carril bici ata a zona das Cancelas que, xunto co itinerario proxectado entre O Milladoiro, a estación intermodal e San Caetano,  permitirá completar unha conexión que incluirá o complexo administrativo autonómico, Área Central, o Multiusos do Sar ou os hospitais.

Para unha mellor coordinación coas restantes actuacións, especialmente o novo edificio administrativo, cambiarase a configuración do carril bici. De xeito máis detallado, na beirarrúa de baixada, amplíase o espazo peonil e as bicicletas baixarán polo carril dereito.

Na beirarrúa de subida, mantense o carril bici unidireccional, que pasa a ser bidireccional desde a metade da rúa cara ás Cancelas. A mediana redúcese a 1 metro, para gañar espazo de beirarrúa nas dúas marxes.

Estes axustes permiten acadar unha liña de arborado na marxe de subida, pegada ao noiro das pistas deportivas.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade segue avanzando nesta intervención cuxo remate se prevé para novembro.

Os traballos progresan a bo ritmo e resta finalizar o formigonado das beirarrúas, dispoñer o novo arborado, colocar as marquesiñas, luminarias e aglomerar a calzada.

Unha vez rematadas estas obras, cun orzamento de 1,6 M€, acadarase a reorganización da avenida de Rodríguez de Viguri coa instalación dunha parada de intercambio modal con capacidade suficiente para dar cabida, polo menos, a cinco autobuses de liña regular ao mesmo tempo, tendo en conta que tamén se deberá dar servizo aos autobuses urbanos que conectan este punto co aeroporto e coa estación intermodal.

Esta actuación está incluída no marco de Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020 como resposta da Unión Europea á Pandemia do COVID-19 e vinculada á obras dos dous primeiros módulos do edificio administrativo Cidade San Caetano.

Data de actualización: 29/09/2023