A Xunta traslada ás organizacións sindicais unha proposta de mellora do ensino e do profesorado que senta as bases da educación da vindeira década

A Consellería convoca o próximo luns a Mesa Sectorial Docente, onde presentará un documento de medidas que permitan a Galicia afrontar os retos presentes e futuros na educación e continuar tendo un dos mellores sistemas públicos de España

Propón reducir as rateos a 20 alumnos por aula en Infantil e Primaria fronte aos 25 actuais cun calendario de implantación progresivo a partir do curso 24-25

Establece incrementos retributivos de ata o 15% para os docentes no complemento específico que reciban en base á súa formación permanente

Os integrantes dos equipos directivos e inspectores recibirán 45€ mensuais máis

Elaborarase un plan de simplificación de tarefas burocráticas que permita unha maior dedicación do profesorado aos labores especificamente educativos

Estenderase a posibilidade de realizar reunións telemáticas de órganos como claustros

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2023

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades vén de convocar a Mesa Sectorial Docente para o próximo luns, día 2 de outubro, co obxectivo de presentar nela ás organizacións sindicais unha proposta de mellora que inclúe medidas tanto no funcionamento do sistema educativo galego como das condicións laborais do profesorado da Comunidade. 

O obxectivo é sentar as bases da educación da vindeira década, posibilitando que Galicia siga tendo un dos mellores sistemas de España, tal e como veñen constatando informes nacionais e internacionais, así como as estatísticas do Ministerio de Educación. A proposta da Xunta garante que o ensino galego siga sendo unha referencia, dando estabilidade ao profesorado e mellorando as condicións de aprendizaxe do alumnado, á marxe de circunstancias externas como o descenso da natalidade previsto. 

Para iso, o documento que o Goberno autonómico elevará á Mesa Sectorial Docente establece unha serie de medidas en ámbitos como as rateos de estudantes por aula, a carreira profesional docente, a función directiva ou as tarefas administrativas.

En concreto, proponse unha redución das rateos nas etapas de Educación Infantil e Educación Primaria, que pasarían a ter 20 alumnos por aula fronte aos 25 actuais. Para levalo a cabo, fíxase un calendario de implantación a partir do curso 24-25, no que se realizaría unha primeira rebaixa a 23 en 4º de Educación Infantil. Un ano despois, no 25-26, pasaríase a 20. Este mesmo proceso iríase aplicando no resto de niveis de forma progresiva ata acadar o conxunto dos nove cursos que compoñen estas etapas.

En canto á mellora da carreira profesional docente, ofrécese un incremento mensual do 15% no complemento específico que o profesorado recibe en base á súa formación permanente. Incentívase, deste xeito, esta práctica de actualización constante de coñecementos e destrezas que repercute nunha mellor atención ao alumnado. A suba realizaríase ao longo de tres cursos, cun 5% consecutivo máis en cada un deles.

Acreditación dixital docente

Así mesmo, indícase que transcorridos seis anos desde a sinatura do acordo, requirirase que o profesorado teña acadado o nivel B1 de competencia dixital docente. Para conseguilo, a Xunta comprométese a realizar unha oferta formativa suficiente.

A proposta tamén contén melloras para o persoal que desempeña tarefas nos equipos directivos tales como dirección, secretaría, xefatura de estudos, etc., así como para o persoal que realiza funcións de inspección. Sería un aumento lineal de 45€ mensuais que beneficiaría, igualmente, aos responsables de centros pequenos con menos de 3 unidades, algo especialmente relevante en zonas rurais, e a xefaturas de residencias, membros dos equipos de orientación específica ou asesores técnicos docentes, entre outros.

O último gran apartado da proposta que a Xunta presentará na Mesa Sectorial Docente inclúe varias medidas complementarias que inciden en diversos ámbitos.

No primeiro deles, a Consellería comprométese a elaborar un plan de simplificación de tarefas burocráticas nos centros educativos que permita unha maior dedicación do persoal docente aos labores especialmente educativos. Trátase dunha medida que, novamente, busca incidir na mellora da atención que recibe o alumnado galego.

Conciliación do profesorado

En segundo lugar, proponse estender e regular a posibilidade de realizar reunións de forma telemática aos órganos de coordinación docente, sempre que así o decida o claustro ou o órgano convocante correspondente. Trátase dunha medida de flexibilidade que busca facilitar a conciliación dos traballadores do noso sistema educativo.

Finalmente, dentro deste apartado, dáse a posibilidade de incrementar o importe das axudas por formación que recibe o profesorado, os chamados reintegros por formación.

Coa finalidade de facilitar o seu cumprimento, unha vez asinado o acordo, crearíase unha comisión de seguimento que se reuniría polo menos unha vez ao ano.

Data de actualización: 29/09/2023